top of page

A Xunta publica a orde reguladora tempada de caza, que se estenderá do 19 de outubro ao 6 de xaneiro

A caza do lobo, con carácter xeral, está prohibida en Galicia, pero poderán autorizarse batidas, montarías ou esperas en casos puntuais convenientemente xustificados de danos



Ecos da Comarca/Xeral

O período hábil xeral para exercer a actividade cinexética en Galicia comezará o vindeiro 19 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro do próximo ano, durante o que se poderá cazar os xoves, domingos e festivos, tanto de carácter estatal como autonómico, con algunhas excepcións.  Así se recolle na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada onte, 29 de abril, no Diario Oficial de Galicia pola que se determinan as épocas de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a vindeira tempada 2025-2026.


Para as distintas especies de caza menor, no caso da arcea, o período xeral irá tamén do 19 de outubro ao 6 de xaneiro do ano que vén -aínda que poderá ampliarse ata o 8 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial (RCE) que o soliciten- os xoves, domingos e festivos. Para a lebre, a tempada estenderase do 19 de outubro ao 30 de novembro de 2025, os xoves, domingos e festivos en terreos de RCE.

No que respecta ao paspallás e ao pombo torcaz, a tempada coincidirá co período hábil xeral, a excepción da media veda nos tecores da Antiga Lagoa dos Antela, que discorrerá entre o 23 de agosto e o 14 de setembro, os sábados e domingos.


O período xeral na modalidade de batida para a caza do raposo abranguerá do vindeiro 1 de setembro ata o 18 de outubro de 2025 e do 7 de xaneiro de 2025 ata o 8 de febreiro de 2026, os xoves, sábados, domingos e festivos en toda a comunidade.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais, no caso das aves, establécese a veda de charrela, rula turca, pato cullerete, gaivota escura, gaivota arxéntea, gaivota patiamarela, pomba brava, pomba zura e gralla cereixeira. Mentres, outras aves de caza menor rexeranse polo período hábil xeral.


Caza maior: corzo e xabaril

No relativo ás especies de caza maior, os machos adultos de corzo poderán capturarse en terreos en réxime cinexético común entre o 16 de agosto e o 18 de outubro deste ano, os sábados en batida/montaría, e todos os días da semana na modalidade de axexo. En terreos en réxime cinexético especial, o período xeral abranguerá do 16 de agosto ata o 18 de outubro -todos os días da semana na modalidade de axexo e os sábados, domingos e festivos na de batida/montaría-, podendo cazarse tamén en axexo calquera día da semana desde o 1 de abril ata o 31 de xullo do próximo ano.


As femias adultas de corzo permanecen vedadas con carácter xeral, permitíndose a súa caza puntual por danos e tamén nos tecores se está tecnicamente xustificada de acordo coa situación real da poboación en cada tecor, podendo escollerse entre dous períodos: do 6 de setembro ao 18 de outubro de 2025 ou do 7 de xaneiro ao 14 de febreiro de 2026.


Polo que respecta ao xabaril, no réxime cinexético común o período xeral de caza abranguerá do 16 ao 31 de agosto deste ano e do 7 de xaneiro ao 22 de febreiro de 2026, os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro deste ano ao 5 de xaneiro do vindeiro os sábados, nas modalidade de batida, montaría e espera. Así mesmo, no réxime cinexético especial a tempada irá do 16 de agosto deste ano ao 22 de febreiro de 2026, os xoves, sábados, domingos e festivos tamén nas mesmas tres modalidades.


Para o cervo, o gamo e o muflón, en réxime cinexético especial, o período xeral abranguerá do 14 de setembro ao 18 de outubro deste ano na modalidade de axexo todos os días da semana, podendo cazarse en batida/montaría xoves, sábados, domingos e festivos no período comprendido entre o vindeiro 19 de outubro e o 5 de xaneiro, e calquera día no caso dos axexos con autorización.


No caso da cabra montesa, o período hábil establécese en dous tramos en función de que a caza se exerza sobre machos selectivos e femias adultas en descaste ou sobre machos trofeo, autorizándose en ambos casos a modalidade de axexo.


Lobo

En canto ao lobo, a resolución lembra que, con carácter xeral, a caza desta especie está prohibida en Galicia, pero poderán adoptarse medidas de control fronte aos danos recorrentes nas explotacións gandeiras da comunidade atendendo ao que recolle o plan de xestión do lobo, unha vez que poden aplicarse as medidas recollidas nel froito da exclusión da especie ao norte do río Douro do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). 


Neste sentido, poderán autorizarse accións como esperas, batidas e montarías durante todo o ano -salvo nos meses de abril, maio e xuño, nos que unicamente se poderán autorizar esperas- unha vez constatados eses danos recorrentes, que deben ser comunicados aos Servizo Provincial de Patrimonio Natural co fin de proceder á súa comprobación antes de emitir a correspondente autorización.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con respecto ao adestramento de cans e aves de cetraría, en terreos de réxime cinexético común autorízase, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2025 e ata o 6 de xaneiro do ano que vén os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico. En zonas de réxime cinexético especial, agás na superficie vedada dos tecores, autorízase o adestramento destes animais, tamén sen solicitude, entre o 1 de setembro e o 18 de outubro deste ano os xoves, sábados, domingos e festivos, e desde o 19 de outubro ata o 6 de xaneiro de 2026 os xoves, domingos e festivos.


Ademais, cómpre lembrar que, en aras da simplificación administrativa, a Xunta está procedendo este ano a enviar de oficio a renovación das licenzas de caza a todos os titulares que superan ou están a punto de cumprir os 65 anos ao tempo que declara o carácter indefinido destes permisos, polo que non será necesario renovalos no futuro. Esta medida beneficiará este ano a preto de 21.300 afeccionados á caza.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page