A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, programou unha serie de actividades e degustacións de produtos galegos
Laura Moure/Boimorto
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, estará presente e apoiará a celebración do Festival da Luz, que se celebra esta fin de semana na localidade coruñesa de Boimorto. Nel, a Axencia levará a cabo unha serie de accións co obxectivo de promover os produtos gastronómicos con indicativo de calidade procedentes do agro da nosa comunidade.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_e8836183effe46c6b5d97449d120107c~mv2.png/v1/fill/w_79,h_52,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,blur_2,enc_auto/0216be_e8836183effe46c6b5d97449d120107c~mv2.png)
Así, no marco deste festival desenvolveranse unha serie de catas, degustacións e obradoiros co obxectivo de dar a coñecer todo tipo de produtos. O primeiro destes dous días, desenvolveranse actividades relacionadas con Ternera Gallega, Pan Galego, diferentes denominacións de orixe vitivinícolas como Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas; os queixos con denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro e diferentes produtos con certificación ecolóxica. A xornada finalizará cunha queimada nocturna, que será preparada por persoal do consello regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Pola súa parte, o domingo comezará coa repetición do obradoiro sobre os queixos galegos con denominación de orixe, seguida dunha degustación de viños das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras a cargo de persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Pola tarde haberá un concurso infantil co obxectivo de dar a coñecer os produtos galegos con indicativo de calidade, unha actividade con produtos ecolóxicos dirixida por persoal do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e un obradoiro de Mel de Galicia, que incluirá un sorteo de agasallos.
Mediante estas actividades, a Xunta busca promover e impulsar aínda máis o crecemento destes produtos entre os asistentes ao festival. Isto, nun eido (o agroalimentario) no que Galicia é referente a nivel nacional e internacional.
NOTICIA RELACIONADA: