A Xunta licitará este ano a rehabilitación integral do colexio Camiño de Santiago, no Pino, por 1,3 M€
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 min de lectura
Renovarase por completo a envolvente dos edificios, acadando un aforro enerxético e de emisións de polo menos un 30%
Laura Moure/O Pino
A Xunta de Galicia licitará este ano a rehabilitación integral co Centro Público Integrado Camiño de Santiago, no concello do Pino, na que investirá arredor de 1,3 M€. Así o avanzou onte o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao centro, na que explicou que a actuación “vai supoñer remodelar por completo a envolvente dun colexio que conta con máis de 50 anos, mellorando así a súa eficiencia enerxética”.

PUBLICIDADE
O titular do departamento educativo do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, sinalou que se está a pechar o proxecto, pero que a previsión é que o aforro enerxético supere o 30% tanto en consumo de enerxía primaria non renovable como en emisións de dióxido de carbono. “Isto vai supoñer, de xeito paralelo, mellorar o confort térmico das instalacións e, polo tanto, o día a día da comunidade educativa”, explicou o conselleiro.
PUBLICIDADE
O programa de actuacións contempla a substitución de 2.091m² de cuberta, 126 fiestras e cinco portas. Ademais, aplicarase illamento térmico tipo SATE en 1886m² de fachadas e instalaranse 636 novas luminarias de alta eficiencia enerxética e 173 luces de emerxencia.
PUBLICIDADE
O CPI Camiño de Santiago consta dun edificio orixinal que está a piques de cumprir 50 anos e dunha ampliación que data de finais dos 90. O illamento das fachadas e a renovación de carpinterías exteriores e luminarias afecta a ambos edificios, mentres que a cuberta só se mudará no edificio orixinal e nos patios exteriores.
A maiores, colocaranse falsos teitos en todo o centro e renovarase a chapa exterior que pecha a escaleira de emerxencia, entre outras tarefas.
PUBLICIDADE
O alcalde, Manuel Taboada, agradeceu o compromiso da Xunta cunha obra moi agardada no municipio. “Esta rehabilitación era moi necesaria porque o edificio, despois de 48 anos prestando servizo ao ensino, merécea. Vai marcar un antes e un despois para o CPI Camiño de Santiago e para toda a súa comunidade educativa”, afirmou.
O rexedor subliñou a importancia que ten este colexio para varias xeracións de veciños e
veciñas do Pino. “É unha gran noticia, como o é sempre calquera investimento destinado á veciñanza. Este é o centro no que moitos demos os nosos primeiros pasos no ámbito educativo e forma parte da historia persoal de numerosas familias do municipio”, sinalou.










Comentarios