top of page

A Xunta licita por máis de 104.000 euros a obra de mellora dun espazo público en Mourelos, en Touro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A actuación enmárcase no plan Hurbe, impulsado en 2010 para apoiar ás entidades locais en proxectos que melloren as condicións e a calidade de vida da súa veciñanza


Laura Moure/Touro

A Xunta acaba de licitar por algo máis de 104.000 euros as obras de humanización e rehabilitación dun espazo público no núcleo rural tradicional de Mourelos de Abaixo, en Touro, tal e como establece o convenio de colaboración asinado o pasado novembro entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Ignacio Codesido.


Os traballos teñen como obxectivo mellorar o aspecto tanto estético como funcional do ámbito da actuación, que se centrará no viario público que dá servizo a este núcleo. En concreto, o proxecto prevé a substitución do pavimento actual por outro de formigón de 20 centímetros de espesor con dúas franxas laterais de lastro de granito de 20 centímetros de ancho e unha franxa central de lousas de pedra.

Consistorio de Touro. Autor: Ecos da Comarca.

Así mesmo, tamén se mellorarán os servizos, con 183 metros de rede de recollida de pluviais, unha canalización soterrada para cable de alumeado público e a instalación de 13 puntos de luz LED, arquetas e a adaptación dos pozos de saneamento existentes.

A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.


Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. No caso da provincia da Coruña, ata o momento xa foron executadas ou están comprometidas un total de 96 actuacións.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page