A intervención, cun investimento de preto de 45.000 euros, consiste na execución dunha senda de case 400 metros por ambas as marxes da estrada no treito do Camiño do Norte
Laura Moure/Boimorto
A Xunta vén de iniciar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-840, no treito coincidente co Camiño do Norte, ao paso polo concello coruñés de Boimorto. Esta intervención, que supón un investimento de preto de 45.000 euros, céntranse na execución dunha senda de case 400 metros de lonxitude por ambas as marxes da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 33 e 33+370.
As obras inclúen a instalación de tubaxe de pluviais baixo a senda da marxe esquerda da estrada e o reforzo da sinalización existente nesta zona. Ademais, neste mesmo municipio, rematáronse as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-234, no treito coincidente tamén co Camiño do Norte, onde se executou unha senda no punto quilométrico 10+050. Nesta mesma vía autonómica, ao paso polo concello de Arzúa, rematouse ademais outra intervención á altura do quilómetro 4.
Esta nova actuación enmárcase no programa de 39 intervencións de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 millóns de euros.
A encomenda deste ano levarase a cabo nos distintos camiños e trazados da ruta xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións; na de Lugo, 23; e na de Ourense, 5.
O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que realizou o pasado ano nas marxes dos Camiños e ás que destinou 1,4 millóns de euros.
Comments