A Xunta e o Pino asinan o convenio de colaboración para construír un novo centro social en Ferreiros
O proxecto combina un espazo interior polivalente cun soportal cuberto que amplía as posibilidades de uso do edificio e reforza a súa relación coa contorna
Laura Moure/O Pino
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinou onte co alcalde do Pino, Manuel Taboada, un convenio de colaboración dotado con 249.000€ dirixido a construír un novo centro sociocultural en San Mamede de Ferreiros. Trátase dun acordo, tal e como explicou o conselleiro, polo que o Goberno galego achegará 150.000€ e que permitirá dotar ao municipio dun novo espazo para actividades culturais, sociais, formativas e comunitarias.

Tras a sinatura co rexedor, López Campos destacou “o compromiso e o traballo feito pola Xunta de Galicia para garantir o acceso á cultura de todos os galegos e galegas, con independencia das súas condicións sociais, demográficas ou económicas”, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. “Un bo exemplo deste labor son estas novas instalacións que imos poñer en marcha no municipio co fin de mitigar a dispersión xeográfica, favorecer o asentamento de poboación xuvenil e dar cabida ao crecente tecido asociativo”, afirmou o conselleiro.
PUBLICIDADE
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na importancia destes equipamentos “que dinamizan as nosas cidades e as nosas vilas, creando comunidade e garantindo o acceso da sociedade ao coñecemento”. No caso desta localidade, dada a súa condición como paso clave do Camiño Francés, esta actuación responde tamén á necesidade estrutural de crear puntos de interpretación e difusión cultural onde convivan o patrimonio local do Pino co fluxo de peregrinos.
PUBLICIDADE
Tal e como apuntou o conselleiro, o proxecto, que está previsto que finalice no primeiro semestre do ano 2027, combina un espazo interior polivalente cun soportal cuberto que amplía as posibilidades de uso do edificio e reforza a súa relación coa contorna. Así mesmo, a intervención intégrase nun ámbito tradicionalmente vinculado á celebración de actividades veciñais e comunitarias, contribuíndo á mellora da funcionalidade deste espazo público.









Comentarios