A Xunta e o Concello de Touro estudan a mellora do servizo de abastecemento no municipio
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Ángeles Vázquez indica que o persoal técnico de Augas de Galicia analizará os proxectos municipais para determinar a súa viabilidade e, a continuación, abrir vías de colaboración
Laura Moure/Touro
A Xunta e o Concello de Touro estudarán fórmulas de colaboración para acometer a mellora da rede de abastecemento no municipio, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Jesús Reboredo, nunha reunión que mantiveron onte en Santiago de Compostela.

Deste xeito, a conselleira indicoulle ao rexedor que o persoal técnico de Augas de Galicia analizará a documentación aportada polo Concello para determinar a súa viabilidade, e, a continuación, avaliaranse posibles vías de colaboración para acometer o seu financiamento. En concreto, o proxecto presentado polo alcalde foi a reforma da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Touro, da que presentou unha memoria na que se inclúen dúas fases cos seus correspondentes proxectos. A primeira parte das actuacións, que son complementarias, correrá a cargo do Goberno local e a segunda de Augas de Galicia co fin de optimizar as prestacións do sistema de abastecemento municipal.
Cómpre lembrar que, aínda que a prestación deste servizo é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.
Publicidade
En global, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas. Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 M€ —case un 40% máis que este ano— para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.







Comentarios