A Xunta destaca que o liderado de GalChimia de Touro amosa a capacidade das empresas galegas no I+D+i
- Laura Moure

- 11 dic 2024
- 2 Min. de lectura
O conselleiro de Ciencia visitou esta firma especializada en servizos de síntese orgánica para as industrias farmacéutica, agroquímica e biotecnolóxica
Laura Moure/Touro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este martes GalChimia, empresa especializada en servizos de síntese orgánica para as industrias farmacéutica, agroquímica e biotecnolóxica. Con sede no concellp de Touro, dá emprego a máis de 50 persoas, a metade dos cales son doutores, e ten participado en máis de 2.700 proxectos para máis de 330 clientes de máis de 35 países. Trátase de cifras que, en palabras de Román Rodríguez, amosan a capacidade das empresas galegas no I+D+i.
O conselleiro de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou o liderado internacional da empresa de base tecnolóxica no eido da síntese orgánica, que supera o 75 % das vendas no exterior, e que conta con outros dous centros de traballo en Madrid e Barcelona. Román Rodríguez subliñou o carácter innovador da firma biotecnolóxica e enmarcouna na aposta de Galicia por este sector, que leva mobilizados 370 millóns de euros no período 2021-2023 e que representa o 17 % do gasto en I+D da comunidade.

No caso concreto desta empresa, o Goberno galego lévalle concedidas axudas por valor superior aos 1,7M€ para desenvolver proxectos de innovación e internacionalización ao abeiro da Estratexia de biotecnoloxía.
Así mesmo, Román Rodríguez subliñou o carácter emprendedor da firma, que ten contribuído á creación de dúas spin-outs, Origo Biopharma e, máis recentemente, Iteria Biopharma. A primeira, dedicada ao desenvolvemento de fármacos contra a fibrose, foi adquirida no 2021 pola biotecnolóxica belga Agomab Therapeutics NV, que mantén o seu centro de I+D no parque empresarial de Touro e que recentemente conseguiu unha ronda de investimento por valor de 82M€ para seguir avanzando no desenvolvemento clínico dun candidato para enfermidade de Crohn e doutro para fibrose idiopática pulmonar. No tocante á segunda, xurdiu do proxecto MAOPROST, un programa de descubrimento de fármacos para o cancro de próstata.
Publicidade
Segunda comunidade máis bioemprendedora
Galicia aposta firmemente pola biotecnoloxía, así o demostra o Goberno autonómico coa elaboración de dúas estratexias para o sector. Actualmente está vixente a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 21-25, coa que se levan mobilizado 370M€ nos tres primeiros anos de execución. De feito, Galicia é a segunda Comunidade máis bioemprendedora, con 24 novas empresas creadas no período 21-23 e investido o 17% do gasto total en I+D da Comunidade. Neste sentido, o representante do Goberno galego avanzou que, no marco desta Estratexia, se porán en marcha varias accións para impulsar a creación e o fortalecemento de spin-offs biotecnolóxicas.
Por outra banda, o titular de Ciencia destacou a importancia da formación, xa que GalChimia colabora coa FP Dual desde o ano 2021 e ten contribuído á formación de 12 estudantes de ensinanzas de Laboratorio de análise e de control de calidade e Administración e Finanzas.







Comentarios