A Xunta autoriza a sinatura dun convenio con Boimorto para a mellora de instalacións deportivas
- Laura Moure

- 30 jun
- 2 min de lectura
Recibirá 140.000 euros para a cubrición da pista polideportiva
Laura Moure/Boimorto
O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dos convenios de colaboración entre a Xunta e os concellos de Vilamarín, en Ourense, e de Boimorto, na Coruña, para a mellora das instalacións deportivas municipais con achegas que suman máis de 800.000 euros.

En concreto, Boimorto recibirá 140.000 euros para a cubrición da pista polideportiva, o que representa a totalidade do orzamento da obra, para garantir o seu uso durante todo o ano e adaptala ás condicións meteorolóxicas da zona. Segundo recolle o acordo, abonarase unha metade do orzamento este ano e a outra en 2027.
PUBLICIDADE
A actuación busca mellorar os servizos deportivos municipais, favorecendo a práctica da actividade física en condicións adecuadas para toda a poboación. Ao tratarse da única pista polideportiva cuberta do concello, permitirá desenvolver numerosas modalidades deportivas e actividades de lecer. Ademais, a cuberta contribuirá á conservación do pavimento e dos equipamentos, aumentando a súa vida útil e a súa rendibilidade.
O proxecto responde á crecente demanda social de instalacións deportivas de calidade e contribuirá á mellora da calidade de vida no medio rural. Tamén se considera unha actuación con impacto positivo no desenvolvemento económico local e na prestación de servizos públicos.
PUBLICIDADE
Ambos os convenios enmárcanse no compromiso da Xunta coas entidades locais e na aposta polo fomento dunha vida activa e saudable entre a poboación. Cómpre lembrar que a Xunta está a impulsar a mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal, tanto a través de convenios de colaboración como das liñas específicas de apoio ás entidades locais, co que se busca facilitar a prestación de servizos municipais de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia.








Comentarios