top of page

A Xunta autoriza a colaboración co Concello de Lalín para a mellora do saneamento do núcleo urbano

Contará cun investimento autonómico de máis de 6,7 millóns de euros e executarase un tanque de tormentas no río Pontiñas e melloraranse os colectores co fin da capacidade de xestión das augas residuais e minimizar as verteduras en tempo de choiva


Laura Moure/Lalín

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Lalín para executar as actuacións necesarias para a mellora do sistema de saneamento municipal no núcleo urbano, cun investimento autonómico de máis de 6,7 millóns de euros. O Consello da Xunta autorizou hoxe a colaboración técnico-financeira da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, co Concello de Lalín para executar un tanque de tormentas na zona do río Pontiñas e mellorar os colectores interceptores.


As actuacións teñen como finalidade aumentar os volumes de regulación e a capacidade de xestión das augas residuais en tempo de choiva. En cumprimento da colaboración autorizada hoxe polo Goberno galego, a administración hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento desta actuación, considerada prioritaria no Plan director de saneamento do núcleo de Lalín impulsado pola entidade hidráulica da Xunta, para mellorar o funcionamento da rede de saneamento do Lalín, reducindo o número e volume de verteduras. Segundo esta colaboración técnico-financeira co Concello, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.


Pola súa banda, o Concello de Lalín asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios, a obriga de conseguir as autorizacións para a execución dos traballos, recibir as obras, así como o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista. Unha vez autorizada hoxe esta colaboración técnico-financeira, Augas de Galicia prevé iniciar a finais deste mes de marzo o proceso de licitación das obras, co obxectivo de comezar os traballos a principios do vindeiro ano.

A planta do proxecto.

A actuación conta cun prazo de execución de 12 meses. As obras estarán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020. Antecedentes e o obxecto do proxecto Actualmente, o sistema de saneamento do concello de Lalín está composto por unha extensa rede de colectores, uns 120 quilómetros, de carácter principalmente unitario. As augas residuais da zona céntrica de Lalín son recollidas polo colectores interceptores que discorren por ambas as marxes do río Pontiñas.


O sistema conta con 11 estacións de bombeo principais e finaliza na estación depuradora de augas residuais de Corredoira, encaixada na marxe dereita do paseo do Pontiñas. Cos datos e as conclusións recompiladas durante a redacción do Plan director de saneamento Local, determinouse a necesidade de aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e a inserción na rede dun tanque de tormentas que permita a regulación do sistema durante os episodios de choiva. Estas dúas actuacións recollidas na colaboración autorizada polo Consello da Xunta considéranse necesarias para reducir e minimizar as verteduras de auga sen tratar ao medio, que adoitan acontecer en episodios de choiva.


Máis concretamente, a actuación na rede de colectores interceptores consiste na execución de 4 treitos principais, con diámetros desde 400 mm a 2.000 mm, e pequenos treitos de entroncamento para a conexión coa rede existente. Tamén se deseña un alivio desde o tanque de tormentas e unha condución de baleirado do tanque. Esta última funcionará por gravidade e conectarase á rede de saneamento existente conducindo o caudal ata a depuradora de Lalín. É dicir, executaranse os novos colectores das marxes esquerda e dereita do río Pontiñas; o colector que recolle as augas residuais da zona sur para conducilas ao tanque de tormentas; e, por último, o colector que recolle a rede de saneamento da parroquia de Donramiro.

En canto á construción do tanque de tormentas a estrutura estará semisoterrada e deseñada para un volume de retención de 5000 m3. O tanque baleirarase por gravidad para o que se instalará unha válvula vórtex, en cámara semiseca, que limitará o caudal máximo permitido pola futura ampliación da estación depuradora de augas residuais para esta conca do río Pontiñas. Construirase un edificio auxiliar, en que se instalará un pretratamento inicial con pozo de grosos e reixas de desbaste, que recibirá todo o caudal de chegada. O aliviadoiro disporá dun tamiz con paso de sólidos de 6 mm, deste xeito o caudal aliviado desde o tanque recibirá un pretratamento antes da súa vertedura. Parque infantil e a plantación de árbores A actuación prevé, ademais, que o propio tanque de tormentas estea integrado paisaxisticamente, coa disposición dun parque infantil e a plantación de árbores e arbustos na contorna. Para humanizar a superficie de formigón xerada pola construción do tanque de tormentas, prevese a disposición dun parque infantil, con elementos de xogo que lembren o cocido, prato e emblema cultural representativo do municipio.


Proxéctase a execución dunha zona de xogos para os máis pequenos, cunha tirolina a continuación da que se disporá un túnel de rede con forma de chourizo, ademais dunha gaiola de rede con forma de porco. Este elemento está deseñado para poder practicar diferentes actividades no seu interior: xogos de pelota, labirinto de cordas, paredes trepadoras, barra de bombeiros, redes, tobogán, etc. A estrutura tamén presenta aberturas en diferentes puntos e a distintas alturas do seu enreixado que facilitan a entrada e saída dos nenos á estrutura do xogo. A zona escavada, que logo se rechea para a execución do tanque de tormentas, reporase coa extensión dunha capa de terra vexetal de 30 centímetros de espesor e sementa manual. Tamén se plantarán especies arbóreas autóctonas na contorna do tanque. Ademais habilitarase un viario de acceso ao edificio auxiliar do tanque de tormentas, formado por una capa de zahorra artificial, a que se accederá a través das sendas do parque do río Pontiñas, de uso exclusivo dos vehículos de mantemento do parque e do tanque de tormentas. Na seguinte figura preséntase a planta do proxecto:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page