A Xunta anuncia axudas en Dozón para recuperar terreos e hábitats cinexéticos e infraestruturas
- Laura Moure
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Ángeles Vázquez explica que se cubrirán gastos relacionados coa sementeira de cereais así como a reposición e reparación de miradoiros, varandas, pasarelas de madeira, material de sinalización e elementos de áreas recreativas, entre outras instalacións
Laura Moure/Dozón
A Xunta de Galicia porá á disposición dos afectados polos incendios forestais deste verán axudas para recuperar terreos e hábitats cinexéticos así como diferentes tipos de infraestruturas de uso público localizadas dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas de biosfera e que resultaran afectadas polo lumes. Así o avanzou este sábado a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao Tecor de Dozón, na parroquia do Castro, que resultou afectada por un incendio ocorrido a mediados deste mes de agosto.

Acompañada polo alcalde, Adolfo Campos, a responsable autonómica explicou que estas achegas se canalizarán a través de dúas ordes de subvencións dirixidas, por un lado, a compensar aos responsables de terreos cinexeticamente ordenados (Tecores) e, por outro, a concellos e titulares de montes veciñais en man común con infraestruturas de uso público dentro de espazos protexidos afectados polos incendios.
Publicidade
No primeiro caso, Ángeles Vázquez explicou que, no marco das súas competencias, a Consellería axudará a cubrir gastos relacionados coa sementeira de cereais para que sirvan de alimento á fauna silvestre e contribúa a recuperar deste xeito tanto os hábitats cinexéticos como os solos afectados.
Así mesmo, os Tecores tamén poderán solicitar axudas económicas para recuperar infraestruturas ou instalacións (refuxios, fontes, bebedoiros e comedoiros para animais, cercados, etc.) que resultaran afectadas.
Publicidade
En canto á segunda liña de subvencións, cubriranse os custos relacionados coa reposición e reparación de elementos estruturais de sendas e rutas —como sinais, miradoiros, varandas e pasarelas de madeira—, infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural e elementos localizados en áreas recreativas.
Cómpre subliñar que estas achegas forman parte do paquete de medidas urxentes para a reparación dos danos causados pola vaga de incendios en Galicia e que está previsto que aprobe o Consello da Xunta a próxima semana.
Kommentare