A música electrónica de DJ Set amenizará a sesión vermú e a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos serán os encargados da pechar o Corazón da Artesanía
Laura Moure/Agolada
O Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado pola Xunta de Galicia, continúa a ser un referente como punto de encontro de tradición e modernidade, como plataforma de posta en valor dos nosos oficios artesanais – especialmente dos máis tradicionais – e como espazo de interrelación entre a Artesanía de Galicia e outras disciplinas. Hoxe, domingo, na última das xornadas desta novena edición destacan as propostas de música electrónica de Aparato DJ Set da sesión vermú e a música tradicional de Cantigas e Agarimos xa pola tarde.
A electrónica de vangarda é o fío condutor das actuacións de Aparato DJ Set, que amenizará a sesión vermú Lodeiros a partir das 13:00 horas. DJ SET é moito máis que unha selección de boa música, hai experimentación, innovación, interacción, mash-up e remixes en directo para que o público non pare de bailar.

A última das actuacións musicais programadas correrá a cargo de Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, que terá lugar o domingo a partir das 19:00 horas, na Praza do Concello. Cantigas e Agarimos é unha das agrupacións máis antigas dedicadas ao folclore galego, fundada no ano 1921, e dedicada á recuperación, conservación e transmisión dalgunhas das formas da nosa cultura tradicional, como son as cantigas, a música, o baile e os traxes populares, colaborando deste xeito, á consolidación da identidade cultural de Galicia. A través das súas seccións: coro, instrumental, grupo de baile e pandeireteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore.
Artesanía no Prato
As actividades da iniciativa Artesanía no Prato para a última xornada do Corazón da Artesanía están protagonizadas polo chef Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (Cambre), que se encargará de dous showcookings ás 13:30 e ás 15:00 horas.
Taky inicia a súa andaina no mundo da cociña no Centro Superior de Hostalaría de Galicia no que se formou. Realizou prácticas de aprendizaxe nos mellores restaurantes: Casa Pardo (A Coruña), El Bulli (Roses), Akelarre, Arzak (San Sebastián), Hotel Savoy (Londres) e sobre todo Zuberoa (Oiartzun), que Taky sinala sempre como a experiencia que máis o marcou. Foi xefe de cociña no Restaurante Praia Club (A Coruña), Executive Sous Chef na Taberna del Alabardero en Washington DC e actualmente exerce de xefe de cociña no Catering Boketé na Coruña. Tres veces Campión de Galicia de Cociñeiros (1996, 1998 e 2000) alzouse co Campionato de España de Cociñeiros no ano 2000 e participou no Campionato Mundial de Cociña Bocuse D’or en 2001. Taky é membro fundador do Grupo Nove, chef executivo da IXP Tenreira Galega e participa asiduamente en feiras, eventos e actividades para promover os produtos galegos.
A programación gastronómica do domingo complétase cos Obradoiros Servizo Perfecto by Estrella Galicia, ás 18:00 e ás 19:00 horas, a cargo de Gustavo Rey, Campión Nacional Beermaster Estrella Galicia. Gustavo Rey chega ao mundo da hostalería en 2008, por necesidade, comezando esta andaina no Ribeira de Fefiñáns, e remata quedándose detrás da barra por paixón. O cambadés atopou neste sector a oportunidade de combinar a bandexa coa súa outra vocación, a música. Experto universitario en Xestión Cultural pola USC, músico e hostaleiro con máis de 14 anos de experiencia, Gustavo rexenta o café cultural O Encontro (Ribadumia, 2013) e a sala de concertos Krazzy Kray (Cambados, 2018). Neles desenvolve unha especial maridaxe entre cervexa e cultura para ofertar cada semana propostas artísticas regadas polas mellores cañas do estado. Así o testifican os seus logros nos campionatos de tiraxe de cervexa organizados por Estrella Galicia: Campión galego en 2016, Subcampión galego en 2018, Subcampión nacional en 2018, e campión tanto galego como nacional no ano 2022.
No Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia participan 57 artesáns de 27 oficios diferentes e 31 expositores de produtos de alimentación, en horario de 11:30 a 21:30 horas. Na programación inclúense cursos de formación especializada para artesáns e outros profesionais, así como diferentes talleres abertos para todos os públicos que lle permitirán aos asistentes iniciarse nos oficios artesanais.
Os cursos especializados, para os que se requiría inscrición previa, estarán impartidos polo mestre artesán do coiro José Luis Bazán (Ubrique, Cádiz), Premio Nacional de Artesanía 2021, pola cesteira Simone Simons (Chelva, Valencia), pola xoieira Jose Castro, de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), pola tecedeira Logaro (Ourense) e pola artesá especializada no bordado ao aire Zeltia ao aire (A Coruña). Os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos que están programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas.
O artesán Jorge Bellón (Cedeira) encargarase de impartir un obradoiro de elaboración de Sanandresiños con miga de pan, a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) – Premio Artesanía de Galicia 2021 – dirixirá un proxecto de cestería colaborativa, o artesán Guillermo Silvent (Caldas de Reis) encargarase dun obradoiro de remate de xoguetes de madeira, a Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar) impartirá obradoiros de iniciación ao torno cerámico, a artesá Marina Seoane ensinará os asistentes a facer un tapiz conxunto, e os artesáns María José Martínez e Jose Antonio Carrera (Vigo) amosarán a traballar nunha máquina tricotosa circular.
Visita do BNG este sábado
O BNG visitou esta iniciativa este sábado. Nesta visita militantes e cargos orgánicos e institucionais estiveron acompañados polos deputadas no Parlamento Galego Mini Rivas e Montse Prado.
"A feira celébrase nun espazo único como son Os Pendellos de Agolada. Estes elementos etnográficos son sin dúbida un moi importante testemuño dunha etapa histórica de enorme esplendor económico e demográfico desta zona e de Galiza, que logo sofreu o esmorecemento e abandono parello co declive do país, que infelizmente hoxe se mantén", indica o partido nacionalista. O BNG ten claro que "Galiza non se entende sen un rural vivo e, por iso, a prioridade ten que ser rescatar o rural do abandono no que o deixan as políticas do PP, abandono que amosan datos como o que indica que en 2021 o Goberno da Xunta deixou sen executar o 21% do orzamento, ou que desde 2009 o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de euros".

A coordinadora do grupo de traballo do BNG en Agolada, Susana Tato Pampín, asegura que “as políticas do PP conducen ó rural a unha morte lenta, cada vez hai menos xente, menos actividade, menos servizos. Urxe cambiar esa tendencia e rexuvenecer o rural” . “Para atraer á xente moza, son precisas axudas ao sector produtivo e de transformación, mais non é suficiente se non se lle ofrece servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía. Todo o contrario das políticas que fai o PP na Xunta de pechar escolas, recortar en sanidade ou non aposta por achegar infraestruturas tecnolóxicas”.
Durante a visita tiveron a oportunidade de falar con afectados das concentracións parcelarias "que nos trasladaron a preocupación por non ver avances nas mesmas o que impide levar a cabo proxectos interesantes no rural de Agolada". Neste sentido, O deputado Mini Rivas comprometeuse a volver levar ao parlamento unha nova iniciativa reclamando as concentracións parcelarias.
Tamén falaron con membros da ANPA "que nos trasladaron as necesidades existentes no CEIP de Agolada, así como a preocupación pola situación da Sanidade", comprometéndose a deputada, Montse Prado, a levar ambas iniciativas ao parlamento galego.
"Esta feira é un bo escaparate do potencial do noso país, demostra que é posible facer proxectos innovadores desde o medio rural, que se deben apoiar. Hai que apostar pola innovación e pola transformación para potenciar proxectos que xeren valor engadido porque son os que aportan mellores niveis de renda nos distintos sectores", recalca.
Comments