top of page

A oficina de emprego de Lalín xa conta cun Punto Violeta

Isto busca ofrecer lugares seguros ás mulleres vítimas de agresións machistas


Laura Moure/Lalín

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, inaugurou este martes os Puntos Violeta do SEPE nas oficinas da Cañiza e Lalín. O subdelegado subliñou que coa posta en marcha desta iniciativa “nestas dúas sedes tan representativas do territorio rural na provincia” culminase a adhesión das 17 oficinas da provincia a este programa, que busca ofrecer lugares seguros ás mulleres vítimas de agresións machistas.

Abel Losada valorou a importancia desta iniciativa, que afianza “o cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas impulsado polo Goberno de Pedro Sánchez e que pretende involucrar dunha maneira efectiva a todas as Administracións Públicas, e a toda a sociedade, na loita contra a violencia de xénero”. Neste sentido, o subdelegado resaltou que desde onte as oficinas do SEPE “non só nas cidades, se non tamén nas vilas da provincia, como A Cañiza e Lalín” serán un “lugar seguro e de apoio” para todas as mulleres que sofren calquera expresión de violencia de xénero.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis deste evento.

Ao acto de posta en marcha deste servizo tamén acudiu a directora provincial do SEPE, Teresa Rama, a subdirectora provincial de Xestión, Pepa Gómez, e as responsables das oficinas locais da Cañiza e Lalín, Isabel Alonso e María Jesús González. Losada agradeceu “a implicación de todo o persoal do SEPE na provincia, e en especial á súa directora, na loita a favor da igualdade e pola prevención da violencia machista, ao facer posible unha iniciativa como esta, que permite despregar e facilitar recursos a todas as persoas, e son moitas, que acoden a estas oficinas”.


O subdelegado incidiu na necesidade “dun compromiso firme do conxunto das Administracións, e de toda a sociedade, para facer fronte as violencias machistas, e que se relacionan, con outras como as da brecha salarial ou a exclusión económica, que a miúdo son factores de risco que contribúen a aumentar a vulnerabilidade das vítimas”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Neste sentido, Losada explicou que a creación destes Puntos Violeta nas oficinas do SEPE, é un acerto porque as oficinas de emprego son un bo lugar para achegar ás mulleres que poidan estar nunha situación vulnerable a información que precisan sobre os recursos e apoio que o Goberno mobiliza e pon a súa disposición. Cada un dos puntos colocados nas oficinas da provincia estará identificado como tal e contará cun código QR que estará vinculado a Guíaa Punto Violeta, con información sobre como actuar ante casos de agresións, recursos para as vítimas e información de interese para saber identificar actitudes machistas e poñerlles freo. Estes recursos forman parte do catálogo de medidas urxentes impulsado por distintos ministerios no contexto de alarma machista dos últimos meses.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page