top of page

A novena edición da campaña Toponimízate chegará a Boimorto no mes de outubro

A iniciativa, enmarcada no proxecto Galicia Nomeada, leva incorporados neste momento 110.000 rexistros de nomes de montes, praias ou camiños, entre outros


Laura Moure/Boimorto

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou onte na presentación da novena edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos noves da túa terra, onde destacou “a importancia da implicación da veciñanza coa conservación e recuperación dun dos nosos maiores tesouros, que é a toponimia”. Esta chegará ao concello de Boimorto.


Así, o representante da Xunta incidiu en que nesta edición da iniciativa divulgativa, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “participarán 12 novos concellos, polo que teremos alcanzado nestes anos un total de 120 municipios”. Nesta liña, sinalou que “ao incorporar máis persoas e identidades, seguimos a dar un relevante pulo a unha campaña que é todo un referente na preservación deste patrimonio inmaterial tan importante para a nosa identidade”.

Neste senso, Valentín García apuntou que a importancia de contar coa colaboración da cidadanía “quedou demostrada recentemente co traballo realizado para a actualización do Nomenclátor de Galicia, onde foi de grande axuda a colaboración da cidadanía para xeorreferenciar unha grande cantidade de microtopónimos, recollendo a tradición oral asociada aos nomes dos nosos lugares".


Deste xeito, durante e presentación lembrouse que actualmente xa participan no proxecto Galicia Nomeada, o marco no que se desenvolve a campaña Toponimízate, 4.300 colaboradores grazas aos que se levan introducido neste momento na plataforma preto de 110.000 microtopónimos. Trátase de nomes, tal e como se explicou no acto, vencellados a montes, terras, fontes, camiños, regos, penedos ou praias, entre outros.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Para a elección das 12 localidades que participan nesta nova quenda de charlas tivéronse en conta tres criterios principalmente: o estado de recolleita da súa toponimia tradicional, a ameaza que supón o despoboamento para a perda desta patrimonio, e o propio interese que amosaron as corporacións locais ou outras entidades culturais e veciñais en que a campaña visitase o seu municipio, como é o caso de Betanzos, Valdoviño, O Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía ou Moraña.


Desenvolvemento da iniciativa

A campaña Toponimízate está baseada en relatorios divididos en diferentes fases. Así, primeiro faise unha introdución xeral para que as persoas asistentes coñezan a riqueza toponímica que ten Galicia e, tras esta presentación, explícase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza e a tradición oral vencellada a eles.  Por último, explícanse as utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral, desta información cultural, unha vez está xeorreferenciada e normativizada. Á vez, tras a recente aprobación do novo Nomenclátor de Galicia, tamén se fará referencia aos cambios introducidos que teñan que ver ese concello en particular, explicando  as motivacións desas modificacións.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Charlas desde abril a outubro

As charlas realizaranse desde este mesmo mes de abril ata outubro. Así, o concello encargado de abrir a campaña será Moraña, o mércores 22 de abril, nunha cita á que está convidado o colexio Santa Lucía. O seguintes cinco encontros terán lugar en Poio , o 9 de maio; en Xunqueira de Ambía, o 22 de maio; en Valdoviño, o 29 de maio; en Betanzos, o 5 de xuño, e en Baleira, o 26 de xuño.


O calendario previsto continuará en Quiroga, o 28 de agosto; en Paradela, o 4 de setembro; no Pereiro de Aguiar, o 11 de setembro; no Bolo, o 25 de setembro; nas  Neves, o 2 de outubro, e en Boimorto, o 9 de outubro.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page