Foron as conclusións compartidas na formación promovida pola Fundación Juana de Vega incidindo nestes aspectos independentemente do tamaño do negocio
Laura Moure/Arzúa
Esta venres rematou o curso “Innovación en márketing, branding e packaging nas empresas agroalimentarias” promovido pola Fundación Juana de Vega e celebrado na Efa Piñeiral de Arzúa.
Emprendedores, produtores da industria agroalimentaria, profesionais e estudantes de márketing puideron desfrutar onte das ponencias de Xosé Teiga (Teiga Studio), Rosa Pumar ( Axencia Imaxe) e AlfonsoPérez (CEO en Foodtec) centradas en diferentes aspectos da innovación e o packaging como elementos construtores da filosofía das empresas.
Teiga incidiu na importancia de que pequenas empresas pensen e aspiren en grandes proxectos de branding. “Podes ser pequeno pero pensar en grande. Isto facilitará que se a túa empresa escale teña uns cimentos sólidos de branding e visualización”.
Pola súa banda Rosa Pumar, directora xeral da axencia Imaxe, afirmou que "o páckaging axuda a alinear a filosofía da marca coa dos consumidores”. Pumar puxo o foco na importancia de testear, aínda que non se conten con grandes recursos: “A investigación é o mellor enemigo do risco á hora de tomar decisóns”.
Alfonso Pérez de Foodtec ilustrou con exemplos reais e cercanos como se está a traballar na introducción de elementos innovadores no envoltorio e na etiquetaxe. “A aposta por un packaging que engada valor engadido ó mesmo produto pode supoñer a apertura de novas canles de comercialización e a exponenciación das vendas”.
A xornada rematou coa visita ás empresas arzuás Galmesán, Pazo de Santa María e Queixería Barral.
O xoves o encargado da formación foi Xosé Luis Reza, director do cluster do ecommerce galego. Reza contextualizou os fundamentos que un plan de márketing ten que contemplar para achegar a diferenciación precisa para o éxito da iniciativa empresarial. “A calidade dun produto non existe se o cliente non a coñece e non a recoñece”, afirmou Reza. Poden obter máis información desta ponencia no seguinte enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/celebrada-a-1%C2%BA-xornada-na-efa-pi%C3%B1eiral-do-curso-innovaci%C3%B3n-en-m%C3%A1rketing-branding-e-packaging
Comments