top of page

A Granxa A Cernada de Palas participa nun proxecto para recuperar o legado das mulleres na cultura láctea

hace 14 horas
7 min de lectura

Trátase de CALLEIRA, a cadea de saberes en feminino plural que conecta as memorias do leite co futuro do medio rural lugués


Ecos da Comarca/Palas de Rei

A USC, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e as empresas Airas Moniz, Bisqato, a Granxa A Cernada (Palas de Rei) e Quintián impulsan un proxecto de transferencia para recuperar os coñecementos tradicionais das mulleres rurais, reconstruír as súas redes de relación e recoñecer a súa contribución á cultura láctea da provincia de Lugo. O Museo Parladoiro de Outeiro de Rei acolleu onte un encontro interxeracional de mestras queixeiras das comarcas de Lugo, no marco do proxecto de investigación CALLEIRA (CAdea Luguesa do LEite e Informacións Rurais Adxacentes).


Antes de que os queixos artesanais de Lugo conquistasen novos mercados e gañasen recoñecemento gastronómico e galardóns en todo o mundo, houbo mulleres que aprenderon a transformar o leite, a experimentar cos seus procesos e a transmitir uns coñecementos que pasaron de xeración en xeración. Un saber-facer que sostivo durante décadas a vida das casas labregas. Aquela economía non se limitaba ao traballo produtivo visible: a alimentación e o coidado dos animais, o muxido, a conservación e a

transformación do leite noutros produtos máis interesantes desde o punto de vista nutricional e que rendesen máis. Había tamén unha rede de actividades informais, de intercambios, de axudas e de coñecementos que as mulleres desenvolveron arredor da desta transformación dos alimentos e da organización da vida cotiá. Unha economía feminina que contribuíu ao sostemento das familias e das comunidades rurais e que, en moitas ocasións, permaneceu á marxe dos relatos oficiais sobre a produción e o desenvolvemento económico. Recuperar esas voces, recoñecer a súa autoría e converter os seus coñecementos nunha fonte de innovación para o futuro é o propósito de

CALLEIRA (CAdea Luguesa do LEite e Informacións Rurais Adxacentes), un proxecto de transferencia de coñecemento impulsado desde o Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) con financiamento da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Como socias destacadas do proxecto sitúanse catro das empresas máis punteiras do sector da transformación do leite na provincia de Lugo, que están lideradas por mulleres: Airas Moniz (Chantada), Bisqato (Guitiriz), Granxa A Cernada-Sen Máis (Palas de Rei) e Quintián (O Páramo).


A iniciativa parte dunha idea central: detrás da transformación do leite nun produto alimentario de calidade existe unha historia de coñecementos, prácticas e experiencias que non sempre foron recoñecidas. E unha parte fundamental desa historia foi construída polas mulleres do medio rural lugués e galego, cuxas achegas quedaron durante moito tempo no anonimato.


Un nome que fala de leite, memoria e territorio

CALLEIRA non é unha denominación elixida á toa. O nome do proxecto recolle, a través do seu acrónimo, a súa propia razón de ser: a CAdea Luguesa do LEite e Informacións Rurais Adxacentes. Unha cadea que conecta persoas, territorios e saberes, e que pretende reconstruír a historia da transformación láctea desde unha perspectiva social e de xénero.


A palabra ten, ademais, unha fonda relación coa materia prima que articula a investigación. O Dicionario da Real Academia Galega admite calleira como a substancia empregada para callar o leite e precipitar a súa transformación e tamén como unha das cavidades do estómago dos ruminantes. Outros sinónimos de calleira son calleiro, callo ou presoiro. A escolla do nome funciona como unha metáfora do propio proxecto: do mesmo xeito que a calleira permite transformar o leite, CALLEIRA busca remudar a memoria en coñecemento, recoñecemento e novas posibilidades para o territorio.


A cadea que propón a investigación non é unicamente produtiva. É tamén unha cadea de transmisión cultural, de experiencias compartidas e de relacións entre mulleres que, desde diferentes xeracións, contribuíron a construír a identidade alimentaria da provincia.

Os camiños das feiras: unha rede de relacións que tamén era feminina

A memoria da transformación do leite non pode entenderse sen os territorios nos que se desenvolveu. Os camiños das feiras, os mercados e os espazos de encontro conformaban unha rede de relacións que conectaba aldeas, parroquias e comarcas, un espazo emocional e de memoria e tamén unhaxeografía económica que non ficou rexistrada en ningún mapa. Polos camiños, pistas e corredoiras que conducían ás feiras circulaban produtos, informacións, experiencias e coñecementos; unha cultura de tradición oral que CALLEIRA procura rescatar.


A vida económica do rural organizábase arredor da casa, como unidade de explotación agrogandeira, pero estaba imbricada noutras relacións comunitarias e de veciñanza. As feiras constituían puntos de encontro nos que se intercambiaban mercadorías, pero tamén noticias, aprendizaxes e formas de colaboración. Neses espazos, as mulleres desempeñaron un papel fundamental na circulación dos produtos e no sostemento das economías familiares. CALLEIRA pretende achegarse a ese universo de relacións para comprender como se transmitían os coñecementos, como se construían as redes de solidariedade feminina e de que maneira as prácticas económicas informais contribuíron a conformar os territorios rurais tal e como os coñecemos hoxe.


A investigación sitúa así as mulleres non só como depositarias dun saber tradicional, senón como protagonistas dunha economía e dunha cultura que contribuíron a soster e transformar.

 PUBLICIDADE

Catro empresas, catro mulleres e unha historia compartida

O proxecto nace da converxencia entre a investigación universitaria e a iniciativa empresarial. CALLEIRA conta coa participación de catro empresas luguesas lideradas por mulleres e vinculadas á transformación do leite: Gandería A Cernada, en Palas de Rei (A Ulloa), que elabora iogures en ecolóxico baixo a marca Sen Máis, e as queixarías Airas Moniz, de Chantada; Gandería Quintián, no Páramo (comarca de Sarria), e Bisqato, de Guitiriz (Terra Chá).


As responsables destas empresas son Ana Corredoira (A Cernada), Ana Vázquez (Airas Moniz), Chelo López (Quintián) e María Veiga (Bisqato), catro mulleres que, por unha banda, representan a continuidade entre os saberes tradicionais e as novas formas de transformación artesanal do leite e que, pola outra, tamén son un exemplo de innovación e de aposta pola creación de riqueza e de emprego no medio rural de Lugo, desde un produto de calidade e diferenciado e contra o relato da Galicia baleirada e atrasada.


A súa participación é unha das claves do proxecto. Foron elas quen contactaron coa área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para procurar a participación da Universidade de Santiago neste proxecto. Deste xeito, as empresas non só interveñen como informantes na investigación, senón de que as súas responsables se convertan en

participantes activas na recuperación da memoria, na identificación doutras fontes nas súas contornas e na construción das narrativas que permitirán trasladar ese coñecemento á sociedade. A colaboración busca establecer unha relación de intercambio entre a universidade pública e o sector privado. A investigación social proporciónalles ferramentas metodolóxicas ás empresas, mentres que o coñecemento acumulado no territorio permitirá enriquecer o traballo académico.


O equipo investigador da USC está coordinado desde o Campus de Lugo por Elena Freire Paz, profesora titular da área de Antropoloxía Social, e integrado por Borja Rivero Jiménez, tamén profesor da área de Antropoloxía; Marta Veiga Izaguirre, doutora en Estudos Culturais e profesora do departamento de Ciencias da Comunicación, e Tamara Rubiños Varela, licenciada en Socioloxía e especializada en igualdade de xénero.


Un dos elementos centrais de CALLEIRA é a creación de espazos compartidos nos que a investigación poida desenvolverse desde o diálogo e a colaboración. Os obradoiros de técnica etnográfica, o traballo de campo e as sesións de seguimento previstas no proxecto permiten habilitar ámbitos de encontro entre as responsables das empresas, o equipo investigador e as mulleres que conservan os coñecementos tradicionais. Estes espazos teñen unha dimensión metodolóxica, pero tamén social. Son lugares nos que compartir experiencias, reconstruír memorias e establecer novas relacións a partir dun patrimonio que durante moito tempo permaneceu disperso e invisibilizado.


Do saber tradicional á innovación artesanal

Un dos obxectivos de CALLEIRA é que os coñecementos recuperados de mulleres de xeracións anteriores —nais, avoas, veciñas e antecesoras das empresarias que participan no proxecto— poidan servir de base para reforzar a identidade e o prestixio dos produtos lácteos artesanais de Lugo. No que vai de transcurso do proxecto, o traballo de campo ten proporcionado distinto material documental e tamén rexistrado conversas con arredor dunha ducia de mulleres de toda a provincia de Lugo.


A investigación pretende visibilizar a contribución histórica das mulleres rurais e recoñecer a súa capacidade transformadora nun mercado no que a relación entre produto, territorio e tradición adquire cada vez maior relevancia e que resulta fundamental na construción dunha imaxe de marca. Identificar estas mulleres antecesoras, definir as súas xeneaoloxías e rexistrar os seus relatos vai máis aló do exercicio de memoria, senón que tamén proporciona un material moi valioso para o deseño de novos produtos avalados por unha tradición rescatada e para a conformación de narrativas e relatos que diferencien estes produtos nun mercado global, moi competitivo e que tende á homoxeneización.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Unha oportunidade para preservar o coñecemento

O proxecto terá unha duración de 24 meses e desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027. A súa dimensión piloto abre a porta a futuras ampliacións, tanto no número de localidades e de persoas informantes como nos períodos históricos e nas modalidades de produtos estudados.


A recuperación destes saberes adquire, ademais, unha dimensión de urxencia. Moitas das persoas que conservan a memoria dos procesos tradicionais de transformación do leite pertencen a xeracións moi anciás, que viviron directamente a cultura labrega anterior aos procesos de mecanización e que poden ofrecer unha perspectiva difícil de reconstruír cando desaparecen os seus protagonistas.


CALLEIRA sitúa así as mulleres rurais no centro da valorización do patrimonio alimentario lucense. A través da cooperación entre universidade, administración e empresas, busca que aquilo que durante décadas permaneceu no ámbito doméstico e no anonimato poida ser recoñecido como parte da historia colectiva e como un recurso para a innovación. Este proxecto xorde do convencemento de que o futuro dos produtos lácteos artesanais de

Lugo tamén se constrúe a partir dunha memoria que merece ser escoitada, documentada e transmitida. E porque, detrás de cada queixo, existe unha cadea de saberes, traballos e solidariedades femininas que tamén forma parte da identidade do territorio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page