A Garda Civil atopa 250 cadáveres de animais nun criadeiro clandestino en Ordes
- ecosdacomarca

- 11 oct
- 2 Min. de lectura
Ademais 171 exemplares atopábanse nun estado de risco vital e foron trasladados a diferentes centros para a súa recuperación e benestar
Ecos da Comarca/Xeral
A Garda Civil desmantelou un centro de cría de animais clandestino que operaba na parte traseira do almacén dun local en Mesón do Vento, en Ordes, A Coruña. As condicións de salubridade e benestar animal eran extremadamente deficientes. O responsable xa foi detido polos axentes. O operativo levouse a cabo polo Seprona da Garda Civil, o cal comezou tras unha primeira inspección levada a cabo pola patrulla Fiscal e de Fronteiras de Noia. Tras o rexistro do lugar, localizáronse un total de 250 cadáveres de distintas especies, principalmente cans, entre eles 28 chihuahuas, e aves. Moitos deles presentaban diversos estados de descomposición, algúns mesmo momificados.
Estes restos atopábanse xunto a animais vivos que, ante a falta de alimentos e auga, alimentábanse dos restos cadavéricos. Ademais, as canceiras e gaiolas estaban totalmente cubertas de excrementos.

Doutra banda, o operativo localizou tamén 171 animais vivos que se atopaban en condicións extremas debido á insalubridade do lugar. Entre os animais con vida había cans, chinchillas, cabalos ananos, galiñas, patos e diversas aves. Entre estas últimas, incautáronse especies exóticas e protexidas incluídas no Apéndice II do Convenio CITES, como dous cacatúas rosas e dous guacamayos, un vermello e outro azul e amarelo.
Debido ás condicións deficientes, as cales supoñían un grave risco para a vida dos animais, todos os exemplares vivos foron recolleitos e recolocados en centros adecuados para a súa recuperación e benestar.
Publicidade
No transcurso da inspección, a Garda Civil tamén localizou unha gran provisión de medicamentos e material veterinario de uso profesional que se atopaba sen receita e, en gran medida, caducado.
Por estes feitos, o Seprona da Coruña instruíu dilixencias polos supostos delitos de malos tratos animais, posesión ilícita de especies protexidas e intrusismo profesional no ámbito de veterinaria. As dilixencias, xunto co detido, foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda de Ordes.
A inspección levou a cabo en colaboración con inspectores-veterinarios do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, e do Servizo de Control de Riscos Ambientais (SERGAS) da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.







Comentarios