top of page

A firma dezá Aerocamaras pon fin a busca dos cans atrapados pola lava na Palma e volve a Galicia

"Dende o equipo somos conscientes do estraño de toda esta situación e instamos ás autoridades a que investiguen o sucedido", recalca a empresa lalinense


Laura Moure/Lalín

A empresa lalinense Aerocamaras, compañía de referencia en drons, iniciou unha operación de rescate a contrarreloxo para tentar salvar a vida aos cans atrapados por lava en Todoque (A Palma). Con todo, tras un profundo recoñecemento aéreo do terreo onde non se avistaron aos podencos e a aparición dun cartel na zona en cuestión que asegura que os animais “están ben”, a procura quedou paralizada e voltan a Galicia.


"Aerocamaras somos unha empresa concienciada cos animais e, por iso, seguiremos o caso a través das autoridades", subliña. O equipo de rescate de Aerocamaras foi despregado nas proximidades do volcán de Cume Vello o pasado domingo para executar unha evacuación de emerxencia canto antes tras ensaiar durante días mentres esperaba o visto e prace gobernamental. O permiso das autoridades para operar chegou a tarde do luns e, horas despois, os técnicos realizaron con éxito ante os responsables a demostración da súa estratexia para realizar a extracción. Isto abría a veda para o recoñecemento cenital do terreo. Ao longo do día de onte, os operadores atravesaron cos seus drons repetidamente os preto de 500 metros de colada de lava que os separaban dos cans para ultimar os flocos da operación, pero só atopáronse un solar baleiro. Non había rastro dos cans.

Os especialistas de Aerocamaras durante a busca.

As cámaras térmicas non foron efectivas debido ás altas temperaturas do chan, próximas ás da calor corporal dos animais e as lentes de aumento non localizaron a uns cans que poderían esconderse na súa procura de espazos máis frescos.


Dron con cámara de 30 aumentos e unha termográfica

Con todo, durante a mañá de onte, cando o equipo de Aerocamaras se dispoñía a renovar a procura, estendeuse polas redes sociais un vídeo onde se apreciaba unha pancarta situada nun dos muros do recinto que aseguraba que os cans “están ben”. Pouco despois, os técnicos finalizaban un novo varrido na procura dos animais e confirmaron a existencia desta pancarta: o vento déralle a volta e as cámaras unicamente captaban unha saba branca, uniforme, sen ningún tipo de inscrición. Ademais, os drons captaron pegadas de pisadas humanas nas proximidades da localización, o que abre a hipótese de que os podencos supostamente fosen evacuados con anterioridade por un individuo descoñecido.


Aerocamaras xa puxo estas probas gráficas en mans das autoridades. "Dende o equipo somos conscientes do estraño de toda esta situación e instamos ás autoridades a que investiguen o sucedido. Seguiremos en contacto con elas e coas protectoras para averiguar o estado real dos cans", recalca.

NOTICIAS RELACIONADAS:



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page