top of page

A Festa dos Botes de Arzúa homenaxeará aos cinco mozos que recuperaron esta festa en 1982

A cita será do 7 ao 9 de agosto

Laura Moure/Arzúa

A asociación Xuventude Arzúa (XA) presentou onte a 43 edición da Festa dos Botes, coa que porán a ollada en 1982, homenaxeando os cinco mozos que nese ano foron quen de recuperar a festa, despois de que fose censurada polo franquismo. “Jorge de Castro, Ramón Villanueva, Cesareo Bendaña, Jorge Rodríguez e Manuel Pimentel principiaron este legado que leva 45 anos pasando de xeración en xeración, sempre da man da mocidade”, apuntan desde a organización. A cita será do 7 ao 9 de agosto.

“Eles marcaron un antes e un despois na vila”, polo que este ano, en representación da Comisión de 1982, Jorge de Castro será o encargado de dar o pregón, abrindo a festa o venres 7 de agosto e dando paso á procesión de Cutinocho que volverá percorrer as rúas de Arzúa


A presentación oficial do cartel da 43 edición contou coa participación de representantes institucionais do Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril; alcalde da vila e Daniel Moscoso, concelleiro de Mocidade. Aliás, tamén participaron nela Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. “Queremos ter unha mención especial para as dúas administracións que desde un primeiro momento nos escoitaron e nos tenderon o seu apoio. Concello de Arzúa e Deputación da Coruña, grazas”, apuntou Joaquín Saavedra, presidente da XA.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A asociación debullou máis polo miúdo a ampla programación da Festa dos Botes, que, un ano máis, terá actividades para todos os públicos. Estas darán comezo cunha nova edición de Arte Urbana, que trata de dar un espazo de creación á mocidade de Arzúa. Xa a última hora da tarde, a música encherá a Cima do Lugar cos concertos de Chiskeiro, Bratzantifa e Ünder e Diego Flâneur. Mais non será o único toque musical que haxa ao longo da xornada, posto que Os Amighos da Túa Prima, BB+ e Escola Latexo Percusión acompañarán as persoas participantes no Xogo da Moca.


O día grande da Festa, o sábado 8, abrirá por segundo ano consecutivo cunha sesión vermú da man de Señora DJ. Xa pola tarde, os Festicultores terán o obxectivo de ir animar a veciñanza para o Memorial Luís Veiga de Lanzamento de Pucheiros. Aliás, durante toda a tarde haberá actividades para as crianzas, así como un obradoiro para deseñar o teu propio bote. Co atardecer darán comezo os concertos de Familia Caamagno, Las Petunias, 9Louro, Mala Gestión, Galician Army, Banana Joe e Mahía b2b bbWav. “Con esta programación buscamos xerar un espazo de encontro interxeracional onde facer comunidade, promovendo a lingua e a cultura, mais sobre todo volver pór o foco na importancia que ten a mocidade no rural do país”, explicou Saavedra.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Mais a programación non fica aquí, na xornada de domingo a Festa trasladarase a Ribadiso, cun xantar de fraternidade, actividades infantís e festa da escuma. Como o toque musical non podía faltar, a sesión vermú e o tardeo estarán amenizados pola DJ local Pájara Boba. Así mesmo, durante toda a fin de semana creativas galegas exporán os seus produtos no Mercado de Artesanía da Festa dos Botes.


“Esta 43 edición pretende ser a máis ambiciosa dos últimos anos, na que agardamos que tanto veciñas coma visitantes desfruten dunha fin de semana de festa, música e cultura”, sinalou o presidente. Así, a asociación lembrou que toda a programación da Festa dos Botes é de balde, “estamos moi orgullosas de ser quen de traer unha programación tan completa e que, ao mesmo tempo, sexa accesíbel para a mocidade do rural”, destacou Saavedra

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

A Festa dos Botes ten aberto, nestes momento, o ‘Bote dos Botes’, no que facer doazóns a través de Goteo.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page