top of page

A Festa do Queixo de Arzúa preséntase no Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo

Laura Moure/Arzúa

A Festa do Queixo deu este pasado venres un paso simbólico e emocionante cara á súa 51ª edición coa presentación oficial celebrada no Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo. Un acto que serviu para reforzar os lazos históricos entre Galicia e a súa diáspora, especialmente nunha edición dedicada á emigración. A elección do Centro Galego de Bizkaia como escenario responde á vontade de recoñecer e visibilizar o papel das comunidades galegas no exterior.

Nesta edición, a Festa do Queixo rende homenaxe ás historias de ida e volta, ás raíces que cruzaron fronteiras e ás xeracións que, malia a distancia, mantiveron viva a identidade galega. Durante o acto, Xoán Xesús Carril destacou o significado especial desta presentación fóra de Galiza:“A Festa do Queixo non é só unha celebración gastronómica ou musical. É un punto de encontro emocional. Traela ata aquí, ata o corazón da comunidade galega en Euskadi, é unha maneira de dicir que Galiza tamén está onde está a súa xente.”


Carril subliñou ademais que esta edición pretende ser unha ponte entre territorios e xeracións: “Queremos que esta homenaxe á emigración sexa un recoñecemento ás persoas que marcharon, ás que regresaron e ás que fixeron da distancia un espazo de memoria compartida. A Festa do Queixo é identidade, é cultura e é comunidade.”

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Pola súa banda, o tenente alcalde de Barakaldo, Daniel Sola, puxo en valor a importancia da colaboración cultural entre territorios e a presenza activa da comunidade galega en Euskadi: “A colectividade galega forma parte da historia social, económica e cultural de Barakaldo e de Bizkaia. Actos como este fortalecen os vínculos entre pobos e demostran que a cultura é unha ferramenta poderosa de unión.” O representante municipal destacou tamén o papel das entidades galegas no mantemento da identidade cultural: “O traballo desenvolvido polos centros galegos é fundamental para conservar a lingua, a tradición e o sentimento de pertenza. A celebración da Festa do Queixo aquí é un exemplo dese diálogo permanente entre orixe e destino.”


O presidente do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, Urbano Alba, expresou o seu agradecemento á organización por ter elixido a entidade como referente para a presentación da 51ª edición da Festa do Queixo, subliñando o valor simbólico que supón acoller un evento que conecta tradición, identidade e comunidade. Así mesmo, destacou que este ano o Centro está de celebración ao cumprirse 125 anos da súa fundación, unha traxectoria que o converte no segundo centro galego máis antigo do mundo, só por detrás do de Montevideo, e que reflicte o compromiso histórico da entidade coa preservación da cultura e da identidade galegas no exterior.


Daniel Moscoso, concelleiro de Xuventude de Arzúa, expresou un agradecemento especial ao Centro Galego de Bizkaia pola súa acollida e implicación na celebración do acto: “Para nós é unha honra presentar a Festa do Queixo nunha entidade cunha traxectoria tan longa e significativa. Queremos agradecer profundamente a súa hospitalidade e felicitalos polos 125 anos de historia que celebran este ano. Son 125 anos mantendo viva a cultura, a lingua e o sentimento de comunidade de Galiza fóra da terra.”

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

O acto contou coa participación de representantes institucionais, membros da organización e integrantes da colectividade galega en Euskadi, nun ambiente de proximidade e convivencia arredor dun dos produtos máis emblemáticos da nosa gastronomía: o queixo de Arzúa.


Do 27 de febreiro ao 1 de marzo, Arzúa converterase nun punto de encontro para a música, a cultura e a tradición, cun programa que combina raíces e vangarda, feira e concertos, animación de rúa, propostas gastronómicas e actividades para todos os públicos. A organización convidou á comunidade galega residente en Euskadi a formar parte desta edición tan especial, reafirmando que a Festa do Queixo é, máis ca nunca, unha celebración colectiva da identidade e do encontro.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page