A Festa do Queixo de Arzúa preséntase na Praza de Abastos de Santiago
- Laura Moure

- 10 feb
- 2 min de lectura
Celebrarase o 27, 28 de febreiro e o 1 de marzo cun programa que combinará degustacións, actividades divulgativas e propostas culturais para todos os públicos
Laura Moure/Arzúa
A Festa do Queixo de Arzúa foi presentada este 5 de febreiro na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, nun acto encabezado polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, a concelleira de Festas de Compostela, Pilar Lueiro, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, e que puxo en valor a relevancia deste evento como referente da gastronomía galega e da identidade do territorio e a importancia para o dinamismo cultural.

A Praza de Abastos, espazo emblemático do produto de proximidade e da cultura alimentaria galega, serviu como escenario para dar a coñecer unha nova edición dunha festa que transcende o ámbito local e se consolida como unha cita imprescindible no calendario cultural de Galicia.
Publicidade
Durante a presentación, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a importancia de acoller en Compostela iniciativas ligadas ao rural e á produción de calidade e o produto de proximidade. "A Festa do Queixo de Arzúa representa o mellor da nosa tradición gastronómica e do saber facer das produtoras e produtores galegos. É un orgullo que Santiago acolla esta presentación”. E animou a toda a veciñanza a participar desta festa que tanto une á veciñanza compostelá coa arzuá.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Pola súa banda, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, subliñou o carácter estratéxico da festa para o municipio e para toda a comarca. "A Festa do Queixo é moito máis ca unha celebración: é unha ferramenta de promoción económica, cultural e social que medra cada ano grazas ao traballo colectivo e ao apoio institucional. Presentala en Santiago permítenos proxectar Arzúa aínda máis lonxe".
O rexedor arzuán engadiu que a festa mantén un firme compromiso coa calidade, coa tradición queixeira e coa innovación, atraendo público diverso e contribuíndo á dinamización do territorio.
Publicidade
A Festa do Queixo de Arzúa celebrarase o 27, 28 de febreiro e o 1 de marzo no municipio arzuá, cun programa que combinará degustacións, actividades divulgativas e propostas culturais para todos os públicos.








Comentarios