top of page

A Festa do Queixo arrinca en Arzúa cunha xornada inaugural marcada pola gran afluencia de público

Laura Moure/Arzúa

Arzúa deu onte o pistoletazo de saída a unha nova edición da Festa do Queixo cunha primeira xornada que destacou pola elevada participación de público, o ambiente festivo nas rúas e unha programación pensada para todos os públicos.

Desde primeiras horas da mañá, o recinto feiral “Terra do Queixo” converteuse no epicentro

da celebración coa apertura dos postos das queixerías participantes, que ofreceron degustación e venda do produto estrela desta cita gastronómica. Visitantes chegados de

diferentes puntos de Galicia e de fóra da comunidade achegáronse para gozar dun evento

que combina tradición, calidade e identidade local.


A xornada estivo marcada tamén pola celebración do pregón, que este ano correu a cargo

de Federico Pérez Rey, quen puxo en valor a tradición queixeira de Arzúa e o sentimento colectivo arredor dunha festa que é xa símbolo de identidade para a vila.


No marco do acto institucional fíxose entrega do premio do concurso de petiscos ao Bar Os Amigos, establecemento gañador desta edición grazas á súa proposta gastronómica, que destacou pola calidade e creatividade.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Ademais, esta edición da Festa do Queixo rende homenaxe á emigración, recoñecendo o

esforzo e a pegada das persoas que tiveron que marchar fóra e que contribuíron, desde a

distancia, ao desenvolvemento económico e social da vila. A lembranza e o agradecemento ás persoas emigradas estiveron moi presentes durante o acto.


O alcalde de Arzúa destacou a relevancia do evento como motor económico e social para o municipio: “A Festa do Queixo é unha peza fundamental para o noso tecido empresarial.

Estes días supoñen unha oportunidade real para as queixerías, para o comercio local, para

a hostalaría e para todos os sectores que viven directa ou indirectamente da actividade que se xera arredor da festa”. O rexedor subliñou tamén o valor estratéxico da celebración para o futuro do territorio: “Estamos a falar dunha festa que pon en valor o noso produto estrela, pero tamén o noso modelo de vida. Apostar polo queixo, pola transformación agroalimentaria e pola artesanía é apostar polo futuro do rural, pola fixación de poboación e pola creación de emprego vinculado á nosa identidade”.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

Paralelamente, as rúas próximas ao recinto acollen durante toda a fin de semana o Mercado de Artesanía organizado pola Deputación da Coruña e Turismo da Deputación da Coruña, unha proposta que reúne a artesáns e artesás de distintos ámbitos como a cerámica, o téxtil, a madeira ou a ilustración. Esta feira contribúe a enriquecer a programación e a converter Arzúa nun espazo de encontro para a creatividade e a produción artesanal galega.


A primeira xornada completouse cun programa de actividades culturais e musicais que animaron diferentes puntos da vila, consolidando a Festa do Queixo como unha celebración interxeracional e aberta á participación de toda a cidadanía. A organización valora moi positivamente o desenvolvemento deste primeiro día e agarda que a afluencia continúe ao longo da fin de semana, na que están previstas novas actividades, concertos e actos institucionais que reforzan o papel da Festa do Queixo como unha das citas gastronómicas e culturais máis relevantes de Galicia. (NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO, ONDE FALAMOS CON PREGOEIRO).




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page