A Efa Piñeiral de Arzúa celebrou o Día da Muller Rural coa mesa “Mulleres con Proxecto, Rural con Futuro”
Contou cos testemuños de mulleres que desenvolven a súa actividade nos ámbitos da comunicación, a tecnoloxía 3D e o sector gandeiro, empresarial e asociativo
Laura Moure/Arzúa
A EFA Piñeiral de Arzúa pechou a programación do Día da Muller Rural cunha mesa redonda liderada por tres mulleres con traxectorias profesionais moi diferentes. Alba Pérez, emprendedora, fundadora de Abrente Comunicación e especialista en márketing dixital, Patricia Vilar, empresaria do sector 3D e impulsora de ALVO 3D, estudo especializado en dixitalización, deseño e fabricación aditiva e Isolina Raña, gandeira, socia de CLUN e presidenta da Asociación de Empresarias Rurais foron as profesionais que protagonizaron a mesa redonda.

O evento visibilizou a pluralidade de perfís laborais que hoxe son desenvoltos por mulleres no rural e que supoñen referentes próximos de emprendemento, innovación e desenvolvemento profesional. “O rural é o mellor lugar para vivir, e para traballar, aínda que é certo que debemos seguir loitando por conseguir a dotación de máis servizos” afirrmou Isolina Raña. “Temos que concienciarnos do importante papel que a muller rural cumpre; imprimimos valor ó noso territorio”. Neste senso tamén concordaron o resto de participantes na mesa redonda . “As oportunidades hoxe de traballlo no rural para a muller non son nin mellores nin peores que á dos ámbitos urbanos, son diferentes”, indicaba Alba Pérez. “No rural, son moitos os sectores profesionais que están a prosperar máis alá do sector agrario, somos menos, pero por iso tamén nos é máis doado facernos visibles” engadeu Patricia Vilar.
PUBLICIDADE
Como conclusión as ponentes alentaron ós participantes a emprender, a non ter medo a errar, a traballar e traballar con compromiso e a facer das súas virtudes a palanca que impulse a súa carreira profesional e a súa pegada no territorio.
No encontro tamén se deron cita axentes locais, do tecido asociativo e empresarial ademais de parte do alumnado do centro formativo. “Esta experiencia busca poñer en valor o traballo feminino no rural e dar visibilidade a mulleres que, desde ámbitos distintos, xeran actividade económica, crean oportunidades e contribúen ao futuro das súas comunidades”, conclueu Raquel Carregal, directora da Efa Piñeiral.
PUBLICIDADE
Con esta actividade, a EFA Piñeiral reforza o seu compromiso cunha formación conectada coa realidade social e empresarial da contorna, que favoreza a orientación profesional, o coñecemento de exemplos próximos de desenvolvemento profesional e unha visión ampla das oportunidades que ofrece o rural.









Comentarios