A EFA Piñeiral celebrará o 11 de decembro un Xantar Solidario a favor de Cáritas Arzúa
- Laura Moure

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
O alumnado do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría lidera este evento gastronómico benéfico, no que a recadación será integramente doada á entidade social
Laura Moure/Arzúa
A EFA Piñeiral de Arzúa continúa reforzando o seu compromiso social a través dunha nova
iniciativa solidaria. O centro organiza un xantar benéfico a favor de Cáritas Arzúa, que terá lugar o xoves 11 de decembro de 2025, ás 15:00 horas, nas instalacións do propio centro educativo. O evento será de carácter é iniciativa do alumnado e profesorado do Ciclo Formativo de Panadaría, Repostaría e Confeitaría.

Con esta actividade, a EFA Piñeiral busca ofrecer ao seu alumnado unha oportunidade real de aprendizaxe, na que aplicar os seus coñecementos técnicos nun contexto profesional e ao mesmo tempo solidario.
A asistencia ao evento estará vinculada á compra dunha entrada, cun prezo de 25 €, que poderá adquirirse na secretaría da Efa Piñeiral e no Bar Praza de Arzúa. A recadación será doada integramente a Cáritas Arzúa, contribuíndo desta maneira ao apoio das familias e persoas en situación de vulnerabilidade na comarca. Así mesmo, establécese a denominada “fila cero”, destinada ás persoas que non poidan asistir ao evento pero desexen contribuír igualmente á causa. Para tal fin, habilítase o número de conta de Cáritas Arzúa, no que poderán realizar a doazón que consideren oportuna.
Publicidade
Ao remate da comida, celebrarase ademais un sorteo dun lote de produtos elaborados polo alumnado de Panadaría, Repostaría e Confeitaría, que incluirá unha selección de produtos artesáns creados especialmente para a ocasión. Participarán automáticamente no sorteo todas aquelas persoas que merquen unha entrada.
Desde a dirección da EFA Piñeiral destacan que esta iniciativa “non só permite poñer en valor o traballo do alumnado, senón tamén fortalecer o vínculo do centro coa comunidade, demostrando que a formación pode e debe estar ao servizo da sociedade”.
Publicidade

Con esta Comida Solidaria, a EFA Piñeiral reafirma unha vez máis o seu papel como entidade comprometida co territorio, promovendo accións educativas con fin social e contribuíndo activamente ao benestar da comunidade de Arzúa. Nesta liña o centro educativo leva protagonizadas campañas de recollida solidaria de alimentos a favor de Cáritas nos dous últimos anos así como eventos solidarios en colaboración con diferentes institucións, como a celebrada recentemente coa Fundación Martín Álvarez Muelas.








Comentarios