A edición de verán de Arzúa+Concilia remata con máis de 160 nenos e nenas participantes
A boa acollida nas once quendas semanais afianza este servizo municipal como un recurso útil e necesario para a conciliación das familias
Laura Moure/Arzúa
Durante estes meses de verán foi habitual en Arzúa ver grupos de nenos e nenas gozar da piscina, compartir xogos no parque ou divertirse coas xincanas de auga. Eles e elas foron os protagonistas da edición de verán de Arzúa+Concilia, que remata tras once semanas de actividade nas que participaron máis de 160 crianzas.

Cunha media de 78 participantes en cada quenda semanal, Arzúa+Concilia formou parte do día a día de moitas familias durante as vacacións escolares. Mentres os nenos e nenas compartían un espazo educativo e de lecer, as súas familias contaban cun recurso público de apoio para compatibilizar o traballo e os coidados familiares.
A concelleira de Igualdade, Lucía López, destacou que a boa acollida desta edición consolida Arzúa+Concilia como un servizo útil e necesario. "Desde a Concellería de Igualdade fixemos unha aposta firme por este servizo, dotándoo de recursos económicos e materiais, porque coñeciamos a importancia que ten para as familias e tamén as dificultades que moitas veces aparecen á hora de compatibilizar o traballo e os coidados familiares", sinalou.
PUBLICIDADE
López puxo tamén en valor o carácter público do servizo: "A conciliación é unha responsabilidade que tamén debemos asumir desde as institucións. Os servizos públicos municipais teñen que estar presentes na vida cotiá da veciñanza, dar resposta ás súas necesidades e acompañar as familias. Ese é o espírito de Arzúa+Concilia: poñer os recursos públicos ao seu servizo e ofrecer ás crianzas un espazo seguro, educativo e de lecer".
Durante estas once semanas, a programación combinou actividades lúdicas, educativas e deportivas. As xincanas de auga, os concursos de talentos ao estilo «Got Talent» e a semana das olimpíadas estiveron entre as propostas que máis gustaron ás crianzas, que tamén gozaron especialmente da piscina e dos xogos no parque.
PUBLICIDADE
A concelleira subliñou que esta aposta municipal responde tamén aos dereitos e ás necesidades da propia infancia: "Queremos garantir que os nenos e nenas dispoñan dun espazo pedagóxico e educativo no que gozar do seu tempo de lecer, gañar autonomía e crear lazos cos demais. O xogo e a convivencia son fundamentais nesta etapa das súas vidas: tamén a través deles aprenden a compartir, a tomar decisións e a relacionarse".
Co remate da edición de verán e a volta ás aulas, o Concello agradece a confianza das familias e o traballo do equipo que acompañou as crianzas durante estas once semanas, e deséxalles a todos os nenos e nenas un bo inicio de curso.









Comentarios