top of page

A DXT pecha a campaña de alcol e drogas en Galicia con máis de 31.000 probas e case 1.000 positivos

11 ago 2025
2 min de lectura

O 96% dos condutores que deron positivo en alcol ou drogas a nivel nacional foron detectados en controis previos, evitándose, dese xeito, accidentes


Laura Moure/Xeral

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a DXT pechou a campaña de alcol e drogas en Galicia con 31.139 probas realizadas e 928 positivos cando menos nalgunha das dúas sustancias. A campaña levouse a cabo entre os días 14 e 20 de xullo por parte

da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en toda Galicia. A nivel nacional, os axentes realizaron a proba de alcol e drogas a 210.957 condutores dos que 4.234 deron positivo en alcol e/o drogas.


Esta última cifra supón que máis de 600 condutores foron detectados cada día ao volante tras consumir alcol e/o drogas, a inmensa maioría deles (o 96%) tras un control preventivo e o resto por infraccións, accidentes ou por presentar síntomas. É fundamental lembrar que os controis preventivos son esenciais para identificar os condutores que circulan tras consumir alcol ou drogas, poñendo en risco a súa propia seguridade e a dos demais.

A nivel provincial, 12.531 probas foron realizadas na Coruña (12.138 de alcol e 393 de drogas), 7.493 en Lugo (7.297 de alcol e 196 de drogas), 6.617 en Ourense (6.456 de alcol e 161 de drogas) e 4.498 en Pontevedra (4.417 de alcol e 81 de drogas).


Estas campañas non só permiten detectar a quen infrinxe a lei, senón tamén alertar e concienciar aos condutores que, aínda que non superen o límite permitido, empregan o seu vehículo tras inxerir alcol. Nesta campaña, cos datos rexistrados en toda España, 4.407 condutores foron detectados con taxas inferiores ao límite legal. Destes, 4.130 foron identificados en controis preventivos, 229 tras cometer unha infracción, 46 por estar involucrados nun accidente e 2 por presentar síntomas de ter consumido.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O Ministerio do Interior lembra que só 0 ten 0 consecuencias porque, aínda con taxas máis baixas das permitidas, o risco de accidente é maior. O alcol segue sendo o segundo factor máis común nos accidentes mortais estando presente no 29% dos mesmos.


Coordinación policial

Do mesmo xeito que noutras campañas, a colaboración das policías locais e autonómicas foi crucial. Os controis de alcol e drogas realizáronse tanto en vías interurbanas como urbanas, e os datos destas policías aínda están a ser procesados, polo que se sumarán máis adiante.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Aínda que a campaña finalizase, os axentes da Garda Civil seguirán levando a cabo controles de alcol e drogas en calquera momento e en calquera estrada para disuadir aos condutores de poñerse ao volante baixo os efectos destas substancias, especialmente nestes próximos días coa celebración de festas populares en multitude de municipios da nosa xeografía.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page