top of page

A Deputación e Boimorto invisten 90.000 euros para acondicionar e dotar de novos xogos a Gándara

Valentín González Formoso e María Jesús Novo asinaron o pasado venres o convenio a través do que o ente provincial financia o 80% do custo total do proxecto


Laura Moure/Boimorto

A Deputación da Coruña e o Concello de Boimorto destinan 89.998 euros para acondicionar o parque público da Gándara. As tarefas permitirán instalar novos xogos infantís e renovar pavimentos e servizos. O ente provincial financia o 80% do custo total da actuación, cunha achega de 71.998 euros. Así o ratificaron o pasado venres, 13 de maio, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, na sinatura do convenio entre ambas institucións. Desde o Concello, sinalan a intervención como esencial ao tratarse dunha zona de esparexemento e lecer única no municipio, polo que é vital mantela nun correcto estado de seguridade e salubridade, adaptando o lugar ás necesidades e demandas da veciñanza.

Así pois, as medidas permitirán, por unha banda, instalar novos xogos infantís. Entre eles atópase unha tirolina para nenos e nenas de máis de catro anos, unha randeeira con asento-cesta de 2,6 metros de altura total para rapazada de 2 a 8 anos de idade e un xogo de resorte con forma de vaca con dúas prazas para usuarios e usuarias de 2 a 8 anos. Tamén se instalará un equipo combinado para rapaces e rapazas maiores de 3 anos que estará conformado por unha torre con tellado, un muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán. Á súa vez, proxéctase unha randeeira mixta de dúas prazas, con asento de seguridade tipo cadeira e un asento pino. As obras tamén permitirán colocar un xogo de casiña para nenos e nenas con diversidade funcional, dirixido á xuventude de máis dun ano.

Por outra banda, a estes traballos súmanse os de substitución do pavimento de caucho existente por un novo ao longo de 325 metros cadrados, para mellorar a seguridade e protexer fronte a caídas. O proxecto facilitará tamén a circulación de peóns e peoas no espazo coa construción dunha beirarrúa con baldosa de formigón. Instalarase tamén un valado de madeira de pino roxo do norte e substituirase a malla existente no peche da cancha deportiva anexa ao parque.


A Deputación sinala que se mellorará así mesmo o sistema de recollida de pluviais coa execución dunha canalización de tubaxe para desaugue da fonte existente e unha canle de formigón con reixa para a recollida de augas. Tamén se incrementará e renovará a iluminación no parque e se disporá un panel informativo para a xente que o utilice.

"A pandemia puxo máis en valor os recursos que nos ofrecen os espazos verdes dos concellos da provincia, sobre todo atendendo ao caso de Boimorto, que por mor da crise sanitaria aumentou o seu censo", incidiu Formoso, que destacou a importancia da protección de áreas como a da Gándara.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page