top of page

A conselleira de Medio Rural visita a gandaría de leite Casal Vilar de Touro

Esta explotación foi beneficiaria das axudas do seu departamento para fomentar a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo


Laura Moure/Touro

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo onte en valor as axudas do seu departamento para fomentar a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo e lembrou que nas dúas últimas convocatorias destas achegas, realizadas en 2025, resultaron beneficiarias un total de 61 cooperativas e sociedades agrarias de transformación, cun importe conxunto de seis millóns de euros. A conselleira, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde de Touro, Jesús Reboredo, realizou unha visita á gandaría de leite Casal Vilar, situada no concello de Touro e que foi beneficiaria destas achegas.

Esta explotación é unha das de maior tamaño da Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) Brandelos, que tamén recibiu apoio a través da devandita liña de axudas.

Así, esta CUMA beneficiouse de máis de 790.000 euros nos últimos anos ao abeiro destas

subvencións que, tal e como explicou a conselleira, contribúen de xeito moi destacado a

reducir os custos e a carga de traballo nas explotacións, incrementar a seguridade dos

usuarios e favorecer o aforro e a eficiencia enerxética. Ademais, Gómez destacou que

estas axudas poden chegar a financiar ata un 50 % dos custos da maquinaria, polo que

teñen unha gran utilidade para os beneficiarios.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

En particular, a CUMA Brandelos está conformada por nove explotacións que manexan

máis de 730 hectáreas de superficie, contan con máis de 2.500 cabezas de gando e

producen anualmente preto de 18 millóns de quilos de leite.


Importancia das cooperativas no rural

Neste sentido, a conselleira valorou tamén a importancia que teñen para o tecido asociativo do rural as cooperativas e as sociedades agrarias de transformación, que inciden -remarcou- na mellora da competitividade do sector primario en xeral e máis en concreto do lácteo. Por iso, sinalou que na Xunta “estamos comprometidos en apoiar estas

entidades”, algo que se fai de diversas formas e entre elas unha das máis salientables son estas axudas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Por outra parte, Gómez sinalou tamén nesta visita a relevancia que ten a incorporación das mulleres ao liderado de proxectos no agro galego, tendo en conta que esta cooperativa “é un verdadeiro exemplo” neste sentido, cun 60 % de mulleres socias.


Asemade, reafirmou o compromiso da Xunta para seguir impulsando políticas con esta perspectiva, “para que cada vez sexan máis as mulleres nos postos de toma de decisións

do noso rural”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page