A Casona de Mouriscade acollerá a 26ª Matanza do Porco de Lalín o 25 de xaneiro
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 3 Min. de lectura
Será a primeira vez que a organiza unha área parroquial, a da Vía da Prata
Laura Moure/Lalín
A XXVI edición da Matanza Tradicional do Porco de Lalín celebrararse o domingo, 25 de xaneiro de 2026, e será a primeira da historia organizada por unha área parroquial: a da Vía da Prata. Cómpre indicar, tal e como explica o concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro, que se tomou este acordo na reunión mantida o 10 de decembro entre o goberno e os pedáneos para descentralizar as actividades cara ao rural e propiciar o achegamento de servizos ás parroquias. Nese encontro realizouse o sorteo por áreas da Matanza que quedou do seguinte xeito: Vía da Prata organizaraa en 2026; Val do Arnego 2027; Val do Deza 2028; Entre Ríos 2029; A Balouta 2030; Alto de Vales 2031; Val do Boi 2032 e Carrio Sur 2033. Así nesta edición traballarán conxuntamente os veciños de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova baixo a denominación común de área parroquial Vía da Prata.
Cuñarro avanza que “a casona de Mouriscade é o lugar elixido para levar adiante a recreación tradicional do evento, xa que é un espazo idóneo para ser desenvolta”. “Así o decidimos por unanimidade o pasado 13 de decembro, nunha reunión mantida entre os pedáneos da Vía da Prata e eu mesmo”, subliña.

A casona trátase dun exemplo destacado de arquitectura señorial rural no municipio de Lalín, composta de cantería de granito e que ten elementos funcionais como balconadas, escaleiras exteriores e dependencias anexas para usos agrícolas (hórreo, capela, forno e unha cociña tradicional da aldea con cociña económica e lareira no mesmo habitáculo). É unha mostra dunha casa fidalga, ligada a unha explotación agrícola que, como outras grandes casas da época, cumpría unha dobre función: residencial como vivenda principal de familia propietaria e produtiva como centro xestións de terras e bens.
Este inmoble actualmente é de titularidade municipal, xunto a outros en desuso vinculados á finca de Mouriscade, desde que en agosto de 2024 a Deputación llos cedeu ao Concello, un trámite que se asinou ante notario.
Como nota destacada, cómpre indicar que este ano se cumpren dúas décadas de que se fixera a Matanza nese mesmo lugar, organizada polas parroquias de Doade e Vilanova (ano 2006).
Agradecemento aos pedáneos de Vía da Prata
O concelleiro “quere agradecer en persoa aos pedáneos das catro parroquias que conforman Vía da Prata a súa predisposición, xa que hai menos dunha semana que se celebrou o sorteo, e ao día seguinte de realizalo xa me chamaron para amosar a súa vontade a colaborar cen por cen para organizar a Matanza, dado que hai un tempo reducido para a súa celebración”.
Publicidade
“A organización vai correr a cargo das catro parroquias baixo a denominación única de Vía da Prata porque queremos priorizar e visualizar as áreas parroquiais. Aínda que os pedáneos (Luis Rodríguez Rozas, de Botos; Antonio Pereiro Estévez, de Donsión; Gumersindo Ferradás López da Xesta e Manuel García Gómez de Vilanova) farán unha reunión por cada parroquia (Botos e Donsión celebrarán sendas reunións este venres 19 e A Xesta e Vilanova durante esta fin de semana), o venres 2 de xaneiro de 2026 haberá unha xuntanza ás 20.30 h no local social de Botos cos catro pedáneos e os veciños de todas as parroquias que desexen participar na organización da Matanza para facer xa a distribución de tarefas”, salienta.
Cuñarro remarca que “organizar a Matanza na casona de Mouriscade tamén vai valer para se nalgunha área, por calquera motivo non dispoñen de lugar axeitado para a realización da Matanza, teñan á súa disposición este inmoble que é do Concello para poder desenvolvela”.
Publicidade
Indica que “queremos convidar a todas as áreas parroquiais e ao casco urbano a que o vindeiro 25 de xaneiro se acheguen ata Mouriscade para colaborar e axudar nunha das tarefas máis importantes e enxebres de todas as casas porque tradicionalmente era asegurar a comida para todo un ano”. Ademais Vía da Prata ofrécese a Val do Arnego por se os veciños da área que organizará a Matanza en 2027 queren ter unha visión máis directa de como se organiza unha Matanza, de tal xeito que os días previos poidan asistir ás reunións preparatorias da celebración deste ano.
Pé de foto: José Cuñarro desprazouse cos pedáneos da Vía da Prata (Luis Rodríguez Rozas, Botos; Antonio Pereiro Estévez, Donsión; Gumersindo Ferradás López, A Xesta e Manuel García Gómez, Vilanova) á casona de Mouriscade para verificar que é o inmoble axeitado para a 26ª Matanza








Comentarios