top of page

A Casa da Cultura de Arzúa xa leva o nome de Xulio Vázquez Carril, “O Gaiteiro de San Miguel”

Esta localidade celebrou este sábado unha homenaxe póstuma ao gaiteiro arzuán, referente da música tradicional e da transmisión oral da cultura popular galega


Laura Moure/Arzúa

Arzúa celebrou este sábado a homenaxe a Xulio Vázquez Carril, “O Gaiteiro de San Miguel”, nun acto público no que a Casa da Cultura pasou a levar oficialmente o seu nome.

Familiares de Xulio Vázquez Carril, representantes municipais, persoas vencelladas á música tradicional e veciñas e veciños de Arzúa participaron nunha xornada de recoñecemento a unha figura profundamente ligada á identidade cultural arzuá e á memoria musical de Galicia.

Momento tras descubrirse a placa co seu nome.
Momento tras descubrirse a placa co seu nome.

A homenaxe estivo conducida polo concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, quen abriu o acto, deu paso ás diferentes intervencións e pechou a parte institucional da xornada antes da descuberta da placa conmemorativa.


O acto comezou coa proxección dun vídeo homenaxe a Xulio Vázquez Carril no que, a través dunha selección de fotografías, se fixo un percorrido pola súa vida, pola súa relación coa gaita e pola súa contribución á música tradicional galega.


Tamén interveu o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, quen destacou a necesidade de recoñecer desde as institucións o traballo e o legado de persoas que, como Xulio Vázquez Carril, contribuíron a conservar e transmitir a cultura popular galega desde a música tradicional. O rexedor lembrou a figura do homenaxeado como a dun veciño de Maroxo que deixou unha pegada fonda na memoria musical de Arzúa e de toda Galicia. "“Esta Casa da Cultura levará o nome de Xulio Vázquez Carril. Non podía ser doutro xeito. Xulio foi un veciño que dedicou toda a súa vida a conservar a nosa música tradicional, a promovela e a dala a coñecer alí onde foi. É de xustiza que esta Casa da Cultura leve o nome dunha persoa que dedicou toda a súa vida a conservar e promover o noso patrimonio cultural”.


Tras a intervención do alcalde, tres netas de Xulio (María e Lucía Vázquez e Eva Ferro) e o seu fillo Manuel Vázquez, tomaron a palabra para lembrar a figura do gaiteiro desde unha perspectiva persoal e familiar. En concreto, Manuel Vázquez aproveitou a súa intervención para agradecer ao Concello de Arzúa a homenaxe e expresar, en nome da familia, a emoción por este recoñecemento compartido coa veciñanza. Tamén trasladou o seu agradecemento a todas as persoas presentes por acompañar a familia nun día tan especial.


Ademais, a xornada contou tamén coa intervención de Carlos Rodríguez Osorio, catedrático e compañeiro de Xulio no grupo Os Gaiteiros de San Miguel, unha das persoas que acompañou o regreso do gaiteiro ás foliadas e que compartiu con el unha fonda relación musical e persoal.“Xulio era unha persoa que sempre tiña as portas da casa abertas. Non nos coñecía de nada e compartía todo connosco. Cando chegamos á súa casa, investigando sobre a música tradicional, compartiu con nós todo o que sabía. E cando lle preguntaban como compartía todo con xente que non coñecía de nada, el sempre contestaba: ‘Non te preocupes, que se veñen preguntar pola gaita ten que ser xente boa’. Ese era Xulio, unha persoa que compartía todo o que tiña sen pedir nada a cambio”, salientou Osorio.

Segidamente, a súa muller recibiu de agasallo un ramo de flores e un cadro co cartel do acto de homenaxe.


A parte musical correu a cargo das agrupacións participantes,  Fol da Chousa Vella de Santiso, Santiaguiños de Boimorto e Fiadeira de Melide que interpretaron a Marcha do Antigo Reino de Galiza. A música tradicional acompañou así unha homenaxe concibida como recoñecemento institucional e como celebración dun legado vivo.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O acto finalizou coa interpretación do Himno Galego e coa descuberta da placa conmemorativa, unha peza especial encargada a Sargadelos, coa que a Casa da Cultura pasou a levar oficialmente o nome de Casa da Cultura Xulio Vázquez Carril, “O Gaiteiro de San Miguel”.

O seu fillo, a súa muller e o alcalde de Arzúa.
O seu fillo, a súa muller e o alcalde de Arzúa.

Coa nova denominación da Casa da Cultura, o Concello de Arzúa recoñece a traxectoria dun veciño que contribuíu a conservar e transmitir unha parte esencial da cultura popular galega. Unha cultura feita desde a transmisión oral e desde a música que acompañou durante décadas a vida social e festiva do concello de Arzúa.


O Gaiteiro de San Miguel

Xulio Vázquez Carril, coñecido popularmente como “O Gaiteiro de San Miguel”, foi un gaiteiro arzuán vencellado á contorna de San Miguel, na parroquia de Maroxo. Comezou a tocar desde moi novo, aprendendo de oído, como facían moitos gaiteiros populares da súa xeración. Antes de ter instrumento propio, iniciou a súa aprendizaxe coas pallas de centeo. A súa primeira gaita regaloulla Basilio Carril, seu curmán, un dos nomes de referencia da gaita e da artesanía musical galega do século XX.


A vida afastouno da música durante décadas, ata que coa xubilación recuperou a gaita e regresou ás foliadas. No ano 2003, Carlos Rodríguez Osorio, Manuel Noia e Xosé Tuñas achegáronse a el interesados en aprender dun gaiteiro veterano. Daquel encontro naceu unha relación musical e persoal que devolveu a Xulio ás foliadas e deu lugar ao grupo Os Gaiteiros de San Miguel, chamado así polo lugar no que vivía.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Xulio foi tamén un dos transmisores do chamado toque “ao pechado”, unha maneira de tocar propia da zona que espertou o interese de mestres e músicos de diferentes puntos de Galicia. Vázquez faleu en abril de 2025.


Desde este sábado, o seu nome queda unido para sempre á Casa da Cultura de Arzúa, como recoñecemento a unha vida vencellada á música tradicional, á transmisión oral e á memoria popular do municipio. (NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS REPORTAXE AUDIOVISUAL DO ACTO NAS NOSAS REDES SOCIAIS).

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page