A borrasca Claudia deixa máis dun cento de incidencias na circulación en Galicia
- ecosdacomarca

- hace 11 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Maioritariamente, as intervencións dos equipos de emerxencias estiveron relacionadas coa caída de árbores, tendido eléctrico e postes, así como inundacións en estradas, garaxes e vivendas.
As provincias de Pontevedra e Coruña rexistraron a maior cantidade de incidencias: 62 e 53, respectivamente, desde onte e ata as primeras horas de hoxe.
Desde a tarde de onte, cando xa se comezaban a sentir os efectos máis intensos da borrasca Claudia, o 112 Galicia rexistrou un incremento de incidencias na circulación debido á presenza de árbores, cables ou postes nas vías, así como bolsas de auga e anegamentos puntuais nas estradas, en garaxes e vivendas. En total, suman 144 incidencias en Galicia debido ao efecto da chuvia e o vento.

Especialmente, nas últimas horas do día de onte, notouse unha suba nas intervencións dos equipos de emerxencias en concellos das Rías Baixas, como Vilagarcía e Vilanova de Arousa (9 e 4 incidencias), que afrontaron situacións relacionadas, precisamente, coa entrada de auga en garaxes, baixos, vivendas, así como o anegamento de rúas e estradas.
Dentro da provincia de Pontevedra, de momento a máis afectada, o concello de Vigo tamén rexistrou un número elevado de intervencións (15) coa mesma casuística.
Pola contra, na provincia da Coruña, onde se contabilizaron 53 incidencias no intervalo de tempo indicado, sobresaíron os concellos do litoral, como Carballo, Muxía, Outes ou Ribeira en canto ao número de incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adversa.
Publicidade
De lonxe seguen as provincias de Lugo e Ourense, onde apenas se contabilizaron 22 e 7 incidencias, respectivamente.
Por último, cómpre destacar que ningunha das intervencións rexistradas no 112 Galicia revestiu gravidade e a maior parte están relacionadas coa presenza de obxectos e vexetación nas estradas, polo que debemos extremar a precaución.







Comentarios