top of page

A aula de educación de persoas adultas do Concello de Arzúa aposta pola formación continua no curso

Os prazos de matrícula estarán abertos durante todo o ano


Laura Moure/Arzúa

Conscientes da importancia que ten a formación permanente ao longo de toda a vida, xa que posibilita un maior desenvolvemento persoal e profesional dos cidadáns, un ano máis, a aula de educación de persoas adultas do Concello de Arzúa reforza o seu compromiso continuo de traballo no eido da educación ofrecendo distintos cursos.

Así impártense para a preparación das probas para a obtención do Título de Graduado en Educación Secundaria nas súas dúas modalidades, por módulos ou presentándose á proba libre que anualmente convoca a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia; Bacharelato a distancia nas modalidades de Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais, Artes e Xeral; Preparación das Probas de Acceso aos Ciclos Formativos de Grao Medio e Grao Superior; Preparación das Competencias Clave (Niveis 2 e 3) e o Programa EBI (Ensinanzas Básicas Iniciais), que contempla lectura, escritura, cálculo, os Talleres de Atención, Memoria e Manualidades para maiores de 60 anos e persoas aqueixadas de Alzheimer e/ou Demencia Senil, que como novidade ofrecen a posibilidade de facer o seguimento a alumnos/as que non poidan asistir de xeito presencial e facilitar o material para poder realizar desde os domicilios particulares.


Publicidade

Ser constante, asimilar a información e repasar son as claves que lle recomenda o profesor Luís Vázquez ao alumnado que quere iniciar este tipo de cursos, sobre todo as probas conducentes á obtención do Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) xa que constitúen unha vía extraordinaria para acceder á titulación básica oficial do sistema educativo, permitindo ademais a continuación de estudos de Bacharelato ou de Ciclos Formativos de Grao Medio de Formación Profesional, e as Competencias Clave, que son un requisito formativo indispensable para aquelas persoas que queiran optar ao Certificado de Profesionalidade e non teñan a formación básica inicial que lles permita o acceso directo.


Tamén son indispensables para optar á realización das especialidades formativas que convoca o SEPE e o INEM, como por exemplo a "Atención sociosanitaria en persoas dependentes en institución sociais", "Servicios de restaurante, bar e cafetería", "Cociña" e un longo etc.


Publicidade

Os prazos de matrícula estarán abertos durante todo o ano para todos os cursos recordándolle ao alumnado interesado que para formalizar a matrícula ou solicitar información, deberá acudir á Aula de Educación de Adultos (porta 6), Edificio Multiusos “Terra do Queixo”, 1º andar, ou chamar ao número de teléfono 981 500 000, ext. 100 ou ao 981 500 222.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page