A Asociación de Empresarios da Terra de Melide promove o comercio local coa campaña Volta ao Cole
O 30 de setembro organiza unha festa infantil
Laura Moure/Melide
A Asociación de Empresarios da Terra de Melide impulsa e promove o comercio local coa campaña ‘Volta ao Cole’ Esta iniciativa consiste en promocionar as vendas de todos os artigos relacionados co regreso ás clases (roupa, calzado, mochilas, material de
papelería, libros, etc). Para iso todas as familias que ao longo de todo o mes de setembro acumulen tíckets por valor de 60 euros poden acudir as oficinas de ASETEM - CCA para recibir un vale de compra que será de seis euros para familias cun ou dous fillos e de 10 euros para familias numerosas (nestes casos, os pais e nais deberán traer a xustificación de familia numerosa).

O importe do vale de compra poderá ser gastado en calquera comercio asociado a ASETEM. Como máximo cada fogar recibirá un bono, o cal irá acompañado dunha entrada para desfrutar da gran festa infantil coa que a entidade dará por finalizada esta iniciativa.
Este festexo infantil será o vindeiro venres 30 de setembro de 17:00 a 20:00 horas no Parque Rosalía de Castro da vila, agás en caso de choiva que se trasladará ao Palacio de Congresos. Para adquirir a entrada o tícket de compra ten que ser de mínimo 10 euros, non é preciso que sexa de 60 euros como para recibir o vale de compra.