top of page

A artista portuguesa emmy Curl actuará en Melide o 28 de novembro

Gañadora do Premio José Afonso 2025 e voz revelación da música portuguesa, presentará en Galicia o seu disco Pastoral


Laura Moure/Melide

A artista portuguesa emmy Curl chega a Galicia para presentar Pastoral, o álbum co que vén de gañar o Premio José Afonso 2025, un dos máis prestixiosos galardóns da música portuguesa. Dúas citas únicas —A Fundación Bowling en Melide (28 de novembro) e a Sala Rebullón en Pontevedra (29 de novembro)— nas que a artista propón un encontro entre raíces e vangarda, entre memoria e creación.


Nacida en Vila Real de Trás-os-Montes, Catarina Miranda, coñecida artisticamente como emmy Curl, foi unha das primeiras mulleres produtoras de música en Portugal. Desde os seus inicios en Myspace, con só 15 anos, leva case dúas décadas explorando as raíces culturais do seu país a través dun estilo inconfundible que combina folclore, electrónica e sensibilidade visual.

ree

A traxectoria de emmy Curl fíxose coñecida para o gran público grazas á súa participación no Festival da Canção, o certame portugués que elixe cada ano a representación do país en Eurovisión. En 2018 acadou o segundo posto co tema Para Sorrir Eu Não Preciso de Nada, sendo ademais a candidatura máis votada polo xurado. En 2025 regresou ao festival con Rapsódia de paz, unha peza da súa propia autoría coa que volveu situarse entre as finalistas, consolidando así a súa posición como unha das voces máis singulares e poéticas da música portuguesa contemporánea.


Pastoral, o disco premiado co José Afonso 2025, é unha homenaxe á herdanza cultural e musical portuguesa. A artista revisita melodías tradicionais desde unha mirada contemporánea, celebrando a coraxe e o amor en tempos difíciles. O xurado destacou “a orixinalidade e coherencia estética do proxecto, que abrangue desde a música até o grafismo e a posta en escena”.


A proposta de emmy Curl vai máis alá da música: é unha experiencia estética que respira a filosofía Solar Punk, un movemento que imaxina un futuro no que tecnoloxía e natureza convivisen en equilibrio. A artista constrúe universos visuais que prolongan a súa linguaxe sonora —proxeccións en 3D, escenografías e vestiario de autor—, reafirmando a súa condición de artista total, capaz de transformar o escenario nun espazo inmersivo onde o público participa dun diálogo entre o humano e o natural, entre o onírico e o real.


Dúas datas en Galicia:

  • Venres, 28 de novembro, 23:00h · Sala A Fundación Bowling (Melide)

Prezo: 8 € anticipada / 10 € na porta o día do concerto

Á venda na sala, mediante reserva en @fundacionbowling (Instagram) ou no correo fundacionbowling@gmail.com

Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.
  • Sábado, 29 de novembro, , 22:00h · Sala Rebullón (Mos - Pontevedra) Xunto a hydn

Prezo: 8 € reserva anticipada / 10 € na porta o día do concerto. Entradas dispoñibles na Cantina As Pedriñas e reservas no correo reservasrebullon@gmail.com


Estes dous concertos en Galicia forman parte da xira de presentación de Pastoral, unha oportunidade única para descubrir en directo unha das voces máis persoais e coherentes da nova música portuguesa. emmy Curl chega cun espectáculo que combina emoción, paisaxe sonora e unha posta en escena hipnótica, pensada para sentir coa mirada e co oído.


En Pontevedra compartirá escenario con hydn, artista galega de electrónica mental e industrial que vén despregando o seu son por escenarios de España, Portugal e Alemaña.


Pódedes seguir todas as novidades sobre emmy Curl nas súas redes sociais.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page