top of page

A ANPA e os representantes dos pais no consello escolar do IES de MELIDE séntense desamparados

Indican que non recibiron ningunha resposta de Educación e avanzan que de non tela pronto, tomarán decisións drásticas non descartando mobilizacións ou accións legais


Laura Moure/Melide

Tanto a ANPA como os representantes dos pais no consello escolar do IES de MELIDE

manifestan a súa "máis absoluta indignación" co inicio do curso 2021-2022. "Ó primeiro día do curso non sabemos das materias troncais nas que se matricularon os alumnos en xuño, cales van ser impartidas de xeito presencial e cales quedan sen profesor asignado no centro. Circunstancia que, para maior agravio, se puxo de manifesto a unha semana do comezo do curso, sen dar tempo de reacción ás familias", recalcan.


O IES de Melide. Autor: Páxinas Galegas.

Subliñan, unha vez máis, que moitas destas materias troncais de opción (Debuxo Técnico, Grego, Física, Historia da Arte e Xeoloxia de 2° de BAC así como Latín de 4° da ESO ) son materias que ponderan na ABAU, mesmo para titulacións con elevada nota de corte. "Cónstanos que existen máis centros con esta circunstancia, pero tamén infórmasenos de que hai centros por toda a comunidade, incluso en cidades e preto de cidades sen a problemática do rural, que contan con autorización para impartir clases presenciais con menos dos cinco alumnos que nos esixen no rural", aseguran.


Ante todo isto e ante a falta de resposta manifestan o seu malestar. "Despois de presentar escritos na Consellería e na Xefatura Territorial de Educación e de facer innumerables chamadas a inspección que non foron atendidas, sentímonos totalmente abandonados e desamparados pola administración educativa. Non entendemos nada do que está sucedendo no noso pobo nin cal é o motivo de tratarnos dun xeito tan denigrante e con tal absoluto desprecio", confesan. "Por todo o cal, queremos manifestar o noso rotundo malestar e desgusto e indicar que, de non ter resposta en datas próximas, tomaranse decisións máis drásticas non descartando ningún tipo de mobilizacións e, incluso, emprender accións legais contra este trato discriminatorio".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page