top of page

A aldea natal de Luz Casal recibe a centos de persoas durante o Festival da Luz

Laura Moure/IsmaelRS/Boimorto

A parroquia de Andabao, en Boimorto, acolleu dende o venres ata onte, domingo, a súa duodécima edición do Festival da Luz. Está promovido pola artista Luz Casal, natural desta aldea. Trátase dunha iniciativa solidaria que mistura música, natureza e gastronomía. Ao longo destes tres días acercáronse persoas de distintos puntos xeográficos para desfrutar dun cartelazo de artistas.


ECOS DA COMARCA achegámonos ata o festival. Adiante vídeo!

Cabe mencionar que a Xunta de Galicia promoveu esta fin de semana diferentes actividades informativas relacionadas coa separación e reciclaxe de residuos e outras prácticas sostibles no marco do Festival da luz, un evento musical e social de carácter solidario e moi implicado co respecto á contorna.


A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, achegouse o sábado ao posto informativo instalado un ano máis polo seu departamento dentro do recinto, onde tivo ocasión de participar na actividade lúdica e divulgativa Aventura Plástica, dirixida ao público infantil.


Publicidade

Entre as novidades a destacar da colaboración da Vicepresidencia Segunda co Festival da luz deste ano cómpre citar tamén a habilitación dunha zona de aparcamento exclusiva para vehículos eléctricos con 12 puntos de recarga dispoñibles, así como a instalación por todo o recinto de 40 contedores 100% reciclables, co que se busca reducir a pegada ecolóxica deste tipo de instalacións e facilitar a separación dos diferentes tipos de residuos que se xeran neste tipo de festivais. Ademais, a área infantil reservada pola organización para concentrar as actividades dirixidas a nenos e nenas subminístrase única e exclusivamente de enerxía solar, unha acción coa que se busca promover a concienciación ecolóxica das novas xeracións. De feito, é a primeira vez en Galicia que unha área completa dentro dun festival de gran formato como este funciona unicamente con enerxías renovables.

O festival de Boimorto conta tamén coa implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que contribúe dobremente á súa organización. Dunha banda, mediante o apoio conxunto ao talento musical galego no escenario Sonemerxente, que este mediodía visitou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Nel tocaron 10 artistas e grupos emerxentes da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta desenvolve en colaboración coa Fundación Paideia: Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms, Hydn, Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra.

Doutra, a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia. O evento súmase deste xeito á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que o Goberno galego impulsa este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.


Ademais da música en directo, o Festival da Luz caracterízase por albergar espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, tendo en conta que se trata dun evento de carácter familiar no que se pon en valor o rural galego.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural participou tamén no evento este ano cun posto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para poñer en valor os produtos gastronómicos con indicativo de calidade.


Publicidade

Por outra banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, achegouse este domingo ata o Festival da Luz para apoiar as diferentes accións de promoción e posta en valor dos produtos galegos con indicativo de calidade que desenvolve a Xunta. Así, a Consellería do Medio Rural está presente un ano máis neste evento, cun programa de actividades e degustacións aberto a todos os públicos.


Como novidade, nesta edición habilitouse unha Tenda das experiencias de calidade onde se atopaban moitos dos produtos de diferentes denominacións de orixe (DO), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e marcas de calidade diferencial galegas. Nela os asistentes tamén puideron facer un percorrido virtual pola plataforma www.experienciasdecalidade.gal, que foi especialmente destacada polo director da devandita Axencia como un portal de referencia para facilitar a difusión e comercialización das producións galegas de calidade diferenciada.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page