9Louro, Familias Caamagno, Bratzantifa e Latexo Percusión actuarán na Festa dos Botes de Arzúa
- Laura Moure

- 28 feb
- 2 Min. de lectura
A súa 43ª edición celebrarase o 7, 8 e 9 de agosto
Laura Moure/Arzúa
A Festas dos Botes vén de anunciar os primeiros artistas que formarán parte da súa 43ª edición, que se levará a cabo o 7, 8 e 9 de agosto en Arzúa. Unha data que foi anunciada a comezos de febreiro cun vídeo que poñía o foco nos mozos que en 1982 recuperaron a festa, após de que esta fose censurada desde 1936 polo Franquismo. “Nesta edición queremos botar a vista atrás e pór en valor o traballo feito pola mocidade arzuá nestes 44 anos para que a festa siga adiante”, sinala Joaquín Saavedra, presidente da Asociación Xuventude Arzuá.

Esta edición da festa abrirá a porta a artistas estatais, mais sendo as cabezas do cartel grupos galegos, apostando así pola presenza do galego nos escenarios. A Festa dos Botes pretende ser un punto de encontro da mocidade no rural galego, creando un espazo cultural accesíbel -ao ser todos os concertos de balde- no interior do país. Unha aposta pola mocidade, “a nosa finalidade sempre foi reivindicar o ‘XA’ (Xuventude Arzuá), posto que a mocidade somos os encargados de preservar a festa”.
Publicidade
Artistas Confirmados
Os grupos confirmados até o momento amosan a esencia do festival, apostando por grupos galegos emerxentes e xa consolidados no panorama musical, así como garantir un cartel en igualdade de condicións entre as mulleres e os homes.
9Louro, unha das irrupcións máis potentes no panorama musical galego, sendo quen de encher a Sala Capitol de Compostela en apenas unha hora cos seus ritmos urbanos que representan unha nova corrente musical na nosa lingua.
Familia Caamagno, a banda de Sigüeiro é un dos grupos consolidados na escena galega. O grupo estará presentando na Festa dos Botes o seu último traballo, Disco Comarcal.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Bratzantifa naceu no confinamento nunha cociña dun pequeno piso de Compostela, facendo música cun móbil. Un feito que non lles impediu romper barreiras, chegando a gañar o concurso Novos Valores do Festigal en 2022.
Latexo Percusión Escola traerá a Arzúa os ritmos do mundo. Máis de 30 persoas encherán as rúas da vila con música e festa ao son dos seus tambores.







Comentarios