50 maiores do Pino foron ao balneario de Cuntis co programa Vai de Auga
- Laura Moure

- 20 jun
- 2 min de lectura
Os participantes destacan os beneficios da iniciativa para a saúde e tamén desde o punto de vista da convivencia veciñal
Laura Moure/O Pino
Un total de cincuenta persoas maiores do municipio do Pino participaron este ano no programa Vai de Auga, unha iniciativa de promoción da saúde e do envellecemento activo que concluíu este mércores 17 de xuño tras cinco semanas de visitas ao balneario Acquaform Termas de Cuntis.
O programa, organizado polo Concello do Pino, permitiu ás persoas participantes desfrutar
de cinco sesións no circuíto lúdico-termal das instalacións de Cuntis. O Concello asumiu o custo do transporte en autobús, mentres que os usuarios e usuarias achegaron 70 euros para participar na actividade.

A edición deste ano comezou o pasado 6 de maio, e esta semana, antes da última viaxe ao
balneario, a concelleira de Cultura, Eva Varela, achegouse ata o punto de saída para despedir o grupo e conversar cos participantes sobre a súa experiencia.
A edil destacou a boa acollida que volve ter esta iniciativa municipal e o seu impacto
positivo no benestar da veciñanza. Ademais, agradeceu a participación e implicación de
todas as persoas que tomaron parte nesta edición, contribuíndo a consolidar un programa
que cada ano conta cun elevado nivel de aceptación. Durante a conversa, os participantes trasladáronlle as súas impresións e coincidiron en sinalar tanto os beneficios físicos das sesións termais como o ambiente de compañeirismo que se crea ao longo das diferentes saídas.
PUBLICIDADE
Os participantes destacan os beneficios do programa
O grupo deste ano estivo integrado tanto por persoas que levan anos participando na iniciativa como por outras que se incorporaron por primeira vez. En ambos os casos, a
valoración foi moi positiva.
Entre os participantes máis veteranos atópanse Celsa Caneda, Adolfo Meijide ou Manuel
Balboa, que lembran que xa formaban parte deste programa municipal cando as sesións se realizaban no balneario de Pambre, no municipio lucense de Palas de Rei. Todos eles
coinciden en que esta actividade se converteu nunha cita fixa do calendario anual e nunha
oportunidade para coidar da saúde á vez que se mantén o contacto coa veciñanza.
Tamén as persoas que participaron por primeira vez quedaron satisfeitas coa experiencia. É o caso de Manuel Míguez, que se estreou nesta edición coa súa muller e xa ten claro que
repetirá. Segundo comentou, a experiencia resultoulles tan positiva que volverán participar “indo a Cuntis ou a calquera outro sitio ao que nos leven”.
As persoas usuarias salientaron a mellora que perciben nas molestias musculares e articulares tras as sesións termais. Así, Rosa resumíao asegurando que, despois destas
visitas primaverais ao balneario, “logo o inverno lévase mellor”, unha reflexión que
comparte boa parte do grupo e que reflicte o efecto positivo que este tipo de programas teñen sobre o benestar xeral e a calidade de vida.
PUBLICIDADE
O programa Vai de Auga consolídase ano tras ano como unha das actividades máis
valoradas pola veciñanza do Pino ao combinar os beneficios terapéuticos das augas termais cun importante compoñente de convivencia e relación social.
O Concello do Pino continuará apostando por iniciativas deste tipo, que fomenten hábitos de vida saudables e o envellecemento activo da poboación maior do municipio.








Comentarios