Laura Moure/O Pino
A Xunta recibiu un total de 11 ofertas de empresas para a construción dunha nova depuradora e para a mellora do saneamento de varios núcleos da parroquia de Arca, no concello do Pino, que se iniciará no verán, cun investimento de 2 millóns de euros.
As actuacións proxectadas teñen como obxectivo mellorar o servizo de saneamento e depuración de 5 núcleos de poboación da parroquia de Arca, concretamente os do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón.
A intervención conta cun prazo de 18 meses: 12 para a execución das actuacións e 6 de posta en servizo, para confirmar o correcto funcionamento das novas instalacións.
A actuación é susceptible de financiamento europeo no marco do Eixo REACT UE do Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
As obras queren dar solucións aos problemas actuais nestes núcleos da parroquia de Arca, que dispoñen dun sistema de depuración que consiste en dúas fosas sépticas que non funcionan adecuadamente, o que provoca vertidos frecuentes ao medio. Para garantir aos veciños un sistema de depuración das augas residuais máis eficiente, construirase unha estación depuradora no lugar onde se atopa a fosa séptica da vertente leste, na contorna fluvial do rego do Burgo. Para levar as augas residuais desde a zona oeste ata esa nova depuradora executarase unha estación de bombeo coa súa impulsión, que descargará no colector por gravidade que xa hai actualmente.
A depuradora contará con capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación de 3.000 habitantes. Así, a instalación dará servizo a unha poboación fixa de 1.866 habitantes no ano horizonte 2044, pero estará dimensionada e preparada para 3.000 habitantes, xa que O Pino é unha zona pola que pasan moitos peregrinos e turismo derivado do Camiño de Santiago Francés.
A depuradora estará dotada de pretratamento (pozo de grosos, aliviadoiro, desbaste de grosos, clasificador de areas e desnatador); tratamento biolóxico; decantación secundaria; desinfección mediante UV; e arqueta de toma de mostras. Executarase tamén o novo bombeo, equipado con dúas bombas e a impulsión, cunha lonxitude de 640 metros, ademais do acondicionamento do colector da marxe do rego do Burgo, con máis de 1.200 metros. Unha vez executadas estas obras, a depuradora e o novo bombeo, demoleranse as 2 fosas sépticas existentes.
Esta actuación segue a liña da Xunta de apoio e acompañamento aos concellos, consciente das dificultades técnicas e financeiras que os municipios máis pequenos teñen para impulsar este tipo de infraestruturas.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments