Ecos da Comarca/Silleda
Xente volveu a saír este martes ás rúas en Silleda como mostra de apoio a Palestina. Este foi o manifesto que se leu:
"Compañeiras, compañeiros
Hoxe voltamos ás rúas en convocatorias en 24 localidades galegas cando se cumpren tres meses de matanza e destrución planificada e sistemática. Tres meses deixando cadáveres de civís nas rúas e baixo os cascallos da Faixa de Gaza e tamén noutras áreas da Palestina ocupada. Tres meses contando crianzas asasinadas por millares, hospitais destruídos, escolas arrasadas, templos, infraestrutura básica e instalacións comunitarias inutilizadas. Tres meses desde que Israel se declarou cego e xordo diante de calquera límite.
Mais tamén son tres meses de mobilización permanente por toda a parte. Os pobos do mundo levamos este tempo saíndo ás rúas para dicir que non estamos dispostos a aceptar a barbarie como norma, que non asumimos a propaganda sionista e que tampouco imos esquecer o silencio de quen nos goberna e a súa complicidade co ente xenocida israelita.
Na Galiza tamén nos unimos a ese repudio global: máis de 200 convocatorias de mobilización nas rúas, accións simbólicas, boicotes e denuncias públicas dos aliados do sionismo deixan claro que o pobo galego está coa Palestina e a súa loita. No mundo en que vivemos, revoltármonos publicamente contra Israel e o que representa é unha pequena vitoria que podemos saudar. Porén, o noso recoñecemento ten que ser, por riba de todo, para o pobo irmán da Palestina. Para a súa negativa a baixar os brazos e a se deixar aniquilar.
Pola súa forza para se sobrepor ao monstro sionista. Pola súa resistencia, capaz de tirar a carouta do réxime racista e colonial israelita e desvendar o verdadeiro rostro dos seus aliados europeos e estado-unidenses. A loita da Palestina é unha loita por sobreviver e pola súa propia soberanía, máis tamén é unha loita antiimperialista e pola vida.
Véndennos que é unha guerra en Gaza, como se, ademais, Gaza non fose unha parte da Palestina. Pero non é sequera unha guerra contra a Palestina toda. Israel leva anos impedindo a normalidade en todo o leste de Asia e no norte de África para maior beneficio propio e dos seus socios imperialistas. Temos que ser conscientes de que os ataques constantes ao Líbano, á Siria e ao Irán veñen de lonxe, e agora, abertos ou soterrados, son un intento desesperado por alargar o conflito para despois invocar o seu dereito á defensa e provocar unha intervención das potencias imperialistas que lles achegue unha
vitoria que por si mesmos non poden conseguir. Sairmos ás rúas por Palestina exixe tamén que denunciemos esa vía temeraria e criminal que o único que persegue é máis guerra e destrución.
Publicidade
Repetímolo: Israel é inimigo da Humanidade. Saudamos as accións diplomáticas e xudiciais que están a levar adiante diferentes estados e colectivos para isolar o estado xenocida de Israel e perseguir legalmente os seus líderes tanto no Tribunal Internacional de Xustiza como na Conte Penal Internacional. E, de novo, esiximos de quen nos goberna
que abandonen a súa calculada inactividade, que o único que causa é vergoña e repulsa.
Da Xunta de Galiza esiximos pronunciamentos claros e deixar de xogar á irrelevancia mentres sostén os contratos do capital israelita na Galiza e comanda misións económicas para alargar as relaciónsbilaterais cos xenocidas. Non podemos deixar que estas políticas pasen desapercibidas, porque normalizar as relacións con Israel é, tamén, unha maneira de destruír o futuro da Palestina.
Publicidade
Do goberno español esiximos a ruptura inmediata de relacións con Israel, a expusión da súa embaixadora e o apoio decidido á iniciativa xudicial da África do Sur para perseguir os responsábeis do xenocidio. O recoñecemento inmediato do Estado palestino e o recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos é o mínimo que debe facer quen leva anos pregoando un paso que nunca dá dado.
Da Unión Europea esiximos a demisión de Ursula von de Leyen e de Josep Borrell e a reorientación inmediata das directrices diplomáticas que até o de agora tiveron como único obxectivo blindar os intereses sionistas en Europa e criminalizar non só a Palestina que resiste como tamén a propia solidariedade coa Palestina. Israel non pode ser un parceiro privilexiado, nin un socio preferente. Israel non pode ser un aliado porque é inimigo da Humanidade.
Publicidade
Pola nosa parte, como dixemos tantas veces nas últimas semanas, asumimos a responsabilidade de nunca deixar de falar da Palestina e de non deixar de nos mobilizar pola súa causa. Anunciamos xa, polo tanto, novas convocatorias para o día 24 en diferentes localidades do país que concretaremos nos próximos días.
Contra o estado de Israel e a súa política xenocida. Contra o imperialismo que o apoia e
vive de incendiar o mundo.
Galiza con Palestina!
Do río ao mar, Palestina Vencerá!"
Comments