top of page

Villares aborda co alcalde de Monterroso os investimentos da Xunta neste concello

Na primeira visita institucional ao concello, o delegado territorial repasou as actuacións apoiadas pola Xunta para mellorar infraestruturas e servizos públicos locais


Laura Moure/Monterroso

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse onte co alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, no marco das visitas institucionais que está a realizar aos concellos da provincia, para abordar as principais necesidades locais e facer seguimento dos investimentos e proxectos que o Goberno galego está a impulsar no municipio.

Villares destacou os máis de 61.500 euros da Consellería do Medio Rural para mellorar un camiño da rede municipal en Viloíde ou o apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para mellorar a rede de recollida de pluviais do núcleo de San Pedro-Frameán. Esta achega sumou 32.000 euros, con cargo á orde de axudas anual do Fondo de Compensación Ambiental competitivo.


No ámbito dos servizos sociais, o delegado territorial puxo de manifesto o incremento do orzamento que a Consellería de Política Social e Igualdade destina a financiar o Servizo de Axuda no fogar, que supera nesta anualidade os 398.000 euros no municipio.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Na xuntanza referíronse tamén a outras colaboracións recentes entre as dúas administracións, como as que permitiron mellorar a rede de recollida de pluviais dos núcleos de Esporiz e Lardeiros; acondicionar as vías de titularidade municipal nos núcleos de Tarrío e Novelúa; ou mellorar a seguridade viaria e a iluminación do polígono empresarial. Lembraron tamén o convenio asinado entre o Concello de Monterroso e a Axencia de Turismo para a humanización de sete rúas da localidade. O orzamento dos traballos financiados pola Xunta superou os 96.000 euros e permitiu actuar nas rúas Álvaro Cunqueiro, Xoán Montes, Irmán Xesús, San Miguel, avenida do Marco, travesía da Feira e rúa da Xesta.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O representante autonómico reafirmou o compromiso do Goberno galego “de seguir ao carón dos concellos, especialmente do rural, para avanzar na mellora das dotacións e servizos públicos” e salientou a importancia de manter unha “colaboración permanente” coas administracións locais para atender as súas necesidades e ofrecer novas oportunidades de futuro no territorio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page