Ecos da Comarca/Silleda
Veciños de Corrospedriños, na parroquia silledense de Refoxos, denuncian que "o goberno local de Silleda visite o lugar ás agachadas para evitar dialogar con todos os veciños para o arranxo dun camiño público".

Aseguran que o venres pola mañá acudiu ao lugar "sen aviso previo/previo aviso á veciñanza o concelleiro de obras D. Antonio Ferro Losada (como é habitual) co obxectivo de facer valoracións para acondicionar 100 metros dun camiño público, sen acondicionar antes os 200 metros que están a limpar, para poder evacuar as augas que arrastra o camiño. Este camiño dá acceso ao núcleo rural. Non é un camiño de acceso a unha determinada vivenda, ademais o trazado do camiño non ten deseñado un plan de recollida e canalización das augas pluviais e escorrentías, onde se reúne unha considerable cantidade de auga en épocas de choivas. O camiño hai pouco asfaltárono e pretenden tirar co diñeiro novamente, e estamos cansados das “chambonadas deste goberno” sen realizar a canalización de augas que precisa, o que prexudica considerablemente a varias vivendas, polas inundacións que ocasionan e a acumulación de lodos e materiais".
Así mesmo, sinalan que "hai cheas de lodo e charcas de auga diante dos accesos a vivendas. Estamos cansos de aguantar as chambonadas do Concello. A alteración da cota do firme actual, crearía un considerable prexuízo".
Ante isto, instan ao alcalde a que antes de comezar cos traballos, "valoren os prexuízos que poden ocasionar os traballos a medio facer (como é habitual) sen realizar as melloras que require a zona, para ocasionar os menores prexuízos posibles e así evitar conflitos".
Comments