top of page

Veciñas das comarcas coinciden na importancia do 8M e falan de situacións que sufren por ser muller

Conversamos coa actriz cruceña Paula Cereixo, coa presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Santiso e excondutora de autobús, Berta Sanguiao, e coa alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas


Laura Moure/Xeral

As nosas protagonistas de hoxe: Autor: Ecos da Comarca.

Hoxe, como cada 8 de marzo, conmemórase o Día da Muller. O obxectivo desta xornada é reivindicar a igualdade real e denunciar as situacións de discriminación e a violencia machista que aínda vivimos as mulleres polo feito de selo. Hoxe en ECOS DA COMARCA falamos con tres mulleres das comarcas para coñecer a súa visión sobre o 8M. Elas son a actriz Paula Cereixo, de Gres (Vila de Cruces); Berta Sanguiao, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Santiso e que traballou como condutora de autobús e a alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas.

Paula Cereixo, actriz de Vila de Cruces. Autor: Alejandro Goris.
"As actrices estamos moi condicionadas polo físico e temos data de caducidade, porque parece que unha actriz a partir dos 40 non ten nada que contar. Sen embargo, para eles é a súa época de esplendor e cando mellores papeis lle dan", lamenta Paula Cereixo

A actriz cruceña Paula Cereixo destaca a importancia da celebración dun día como o de hoxe. "A min paréceme esencial a conmemoración do 8M. É importantísimo porque a pesar de que se foron dando pequenos pasiños aínda queda moito por andar e queda todo por loitar. Vivimos nunha sociedade que en pleno 2023 aínda é moi machista na que temos que seguir loitando e non só no 8M senón no día a día por unha igualdade e por unha seguridade", subliña e lamenta non coñecer, por desgraza, a ningunha muller que non sufrise nalgún momento da súa vida algún acto de violencia machista, sexa verbal ou física. "Todas, incluída eu", confesa.


Conta que traballou de moitas cousas ao longo da súa vida, a parte de como actriz, "e si que houbo traballos nos que me fixeron sentir como se fose un obxecto ou nos que me trataron fatal por ser muller". "Pero falando da miña profesión de actriz, que moita xente pensa que é un mundo de purpurina, realmente é super difícil. É moi duro ser actriz. Xa é moi duro traballar de por si porque se escribe máis para homes que para mulleres, aínda que isto é algo que pouco a pouco está cambiando, pero eles traballan moitísimo máis ca nós, cobran máis ca nós... Polo tanto, atopámonos con desigualdade salarial, desigualdade de traballo,.... Ademais, lamenta a importancia que lle dan a un físico. "Algo que pasa na profesión é que estamos moi condicionadas polo físico para traballar e unha muller ten data de caducidade, porque parece que unha actriz a partir dos 40 non ten nada que contar. Sen embargo, para eles é a súa época de esplendor e cando mellores papeis lle dan. Mentres a nós machácanos e xúlganos polo físico. Temos un claro exemplo co que pasou este ano nos Goya con Berta Vázquez. Iso é terrible. Convertiuse en Trending Topic nos Goya polos seus cambios físicos. A eles non os van criticar se collen quilos e a nós si, e moito. Eu sei de compañeiras que non as colleron nalgún traballo por ter uns quilos máis do que consideran eles que debes ter. Polo que as veces xa non é unha cuestión de talento. Ás veces parecen que buscan modelos en lugar de actrices e isto é unha profesión ao igual que o de ser modelo, pero nós somos actrices e non modelos. Así que vivan os corpos naturais e normais de todas as castes e con máis ou menos peso. Viva a realidade", subliña.


E por todo isto, Cereixo incide en que "estamos moi castigadas por todas estas cuestións, polo que as actrices estamos moi discriminadas con respecto aos actores".

Berta Sanguiao, presidenta da a Asociación de Mulleres Rurais de Santiso e excondutora de autobús.
"Considero que o 8M tería que ser os 365 días do ano porque é moi necesario", sinala Berta Sanguiao

Berta Sanguiao é veciña do concello de Santiso e é a presidenta da Asociación de Mulleres deste municipio, ademais durante uns oito ano traballou como condutora de autobuses e ten moitas anécdotas, e non todas moi agradables. "Considero que o 8M tería que ser os 365 días do ano porque é moi necesario", recalca, pero é consciente de que é complicado cambiar certos comportamentos aínda que se inculquen dende idades temperás. "Lembro un día no autobús, un neno duns tres anos, que agora terá uns 13, lle dixo a unha nena da súa mesma idade:"E que meu avó xa di que as mulleres non valen para nada!", algo que lle quedou gravado e lle fixo reflexionar sobre o tanto que nos queda por cambiar na sociedade. Tamén sinala que simplemente por ser muller tiña que demostrar máis a súa valía no seu posto de traballo e todo isto levouna a forzar un carácter máis forte, porque non lle quedou outra."Tiven compañeiros homes marabillosos, pero tamén outros todo o contrario. Acórdome un día que cheguei ao parque de María Luisa, en Sevilla, e había outros autobuses aparcados e eu tiven que facelo alí nun sitio que quedara no medio. Pois alí estaban cinco compañeiros condutores alí fóra mirando se daba aparcado, dubidando do meu traballo por ser muller".


Pero todo isto levouna a defender cada día máis os seus dereitos. "Fixo que loitara pola igualdade e sabía que para tela tiña que tamén implicarme, por iso lle facía o mantemento ao meu autobús, facía viaxes por fóra, ... e todo como calquera dos meus compañeiros. E aí foi tamén onde me din conta do difícil que o ten a muller no mundo para desenvolverse nesta sociedade".


Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso.
"O sexo non debe condicionar o traballo nin o desempeño dun posto", subliña Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso

Das comarcas que abarcamos ECOS DA COMARCA, que suman un total de 17 concellos, só hai dúas alcaldesas. Falamos da de Boimorto, María Jesús Novo, e da de Monterroso, Rocío Seijas, e falamos do 8M con esta última.


"A verdade é que a nivel profesional, entendo que por ser a primeira muller alcaldesa de Monterroso e da comarca da Ulloa, ao principio foi máis cuestionado e máis complexo amosar a valía para afrontar e sacar adiante un cargo de responsabilidade, algo que a día de hoxe non é tan palpable. O sexo non debe condicionar o traballo nin o desempeño dun posto", subliña a mandataria monterrosina. Pero confesa que "nun ámbito tan masculinizado como é a política si que é certo que as mulleres debemos loitar para facer políticas que aboguen realmente por un trato igualitario dende o respeto".


Polo tanto, Seijas considera que "o 8M non é un día para celebrar senón para reivindicar que a igualdade ten que ser unha realidade e que todas as mulleres debemos saber o que valemos e estar orgullosas do que somos".



Pois como di a alcaldesa, hoxe non é un día para celebrar, pero si para reivindicar a importancia de loitar polos dereitos da muller e por unha igualdade os 365 días do ano. Oxalá algún día isto mude e o 8M sexa só sexa unha data gardada no baúl dos recordos.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page