top of page

Varios exemplares de razas autóctonas en perigo de extinción das comarcas, os mellores da Semana Verde

A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celébrase en Silleda dende onte ata o domingo


Laura Moure/Silleda

A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, inaugurada onte en Silleda nun acto no que participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, arrincou coas súas propostas máis profesionais. Así, esta cita, que alcanza a súa mellor cifra de expositores directos do últimos dezaoito anos e é a máis internacional dos últimos vinte, mostra xa as propostas de 758 expositores directos de oito países, mentres que no seu programa de actividades desenvolve xa as súas propostas máis profesionais.


Entre estas actividades destacan as mesas de negocio dos salóns de alimentación e turismo, onde participan máis de 60 compradores e operadores turísticos de 21 países distintos. Así, no Salón de Alimentación do Atlantico, Salimat Abanca, comezaron os seus

Encontros Internacionais de Compradores, que reúnen a 31 importadores e distribuidores de Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza. Estes buscan xa proposta entre os expositores para incluílas na súa carteira de produtos ou lineais de supermercados.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Pola súa banda, a Bolsa de Contratación Turística de Turexpo Galicia conta con 32

operadores turísticos con presenza en Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos,

Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia. Estes operadores coñecerán as propostas de empresas do sector do turismo e tamén destinos que incorporarán ás ofertas que farán aos seus clientes.


Conferencias, showcookings e morfolóxicos

Ademais destas mesas de negocio, en Salimat Abanca tamén se están celebrando outras actividades destinadas a profesionais, como showcookings de produtos de calidade, catas comentadas ou demostracións de coctelería a cargo do campión nacional absoluto do Campionato Monin Interescuelas 23, Joel Forján. Sumouse neste salón a conferencia “Intelixencia artificial: Experiencias á carta. Mellora as túas reservas e facturación”.


Na área de gandería celebráronse os concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, onde se elixiron os mellores exemplares co obxectivo de promocionar estas razas e incentivar aos criadores á súa mellora xenética.


En canto aos concursos das bovinas, participaron máis de 70 exemplares de 19 ganderías galegas en cinco concursos morfolóxicos. No XII da Raza Cachena o primeiro posto foi para Truana IV, de Finca A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña), o segundo para Truana II, de Rosa Fernanda García e Manuel Sieira, de Outes (A Coruña), e o terceiro para Britania, de Cachenas de San Breixo, de Triacastela (Lugo).

No XI da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, de Roberto Lago, de Outes (A Coruña), mentres que o segundo conseguiuno Vivi, de María Concepción Gómez, de Maceda (Ourense) e o terceiro recaeu en Vendima, tamén de Roberto Lago, ao igual

que a campioa.


En canto ao X de Caldelá, gañou Cebada, de Alejandro Salvatierra, da A Pontenova (Lugo), sendo o segundo posto para Cuca, de Lembraeco S.C, de Palas de Rei (Lugo) e o terceiro para Cativa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense).


No IX Concurso Morfolóxico da Limiá, o pódium estivo composto por Lagoíña, de Gandería Balín, de Verea (Ourense); Llama, de Gandería Costoya, de Mesía (A Coruña) e Lágrima, de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña). Xa no VII da Frieiresa a campioa foi Xaquira de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), a subcampioa foi Carmiña, de Gonzalo Seoane, de Villalba (Lugo) e a terceira Xesta, tamén de Roberto Louzán, do mesmo xeito que a gañadora.


En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 10º Campionato Galego, no que participaron 150 exemplares adultos de 23 criadores de distintos puntos de Galicia. Na súa sección por lotes, o gañador foi un de José Luis Freire, de Pol (Lugo), o segundo un de José Zapata, de Castro de Rei (Lugo) e o terceiro un de Sandra López, de Láncara (Lugo).


De forma individual, en galos venceu un exemplar de María Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña), seguido dun de Iván Potel, de Valga (Pontevedra) e outro de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). En galiñas, o pódium foi, de primeira a terceira, para animais de Óscar Rodríguez, Carmen Fernández e Álvaro Rodríguez, todos eles de Mos.


As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a quinta edición da súa competición, con trinta exemplares de nove criadores. En canto ao da Ovella Galega, centrado en femias maiores de 24 meses, o primeiro posto foi un animal de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo), o segundo para un de Sandra López, de Láncara (Lugo) e o terceiro para un de “Finca a Tellada”, de Nogueira de Ramuín (Ourense).


Respecto ao de Cabra Galega, no que tamén competiron femias maiores de 24 meses, venceron, de primeiro a terceiro, exemplares de Dolores García, de Toques (A Coruña), de María Teresa López, de Cerdido (A Coruña) e de Granxa Teixeiro e Pistón, de Becerreá (Lugo).


En canto ao VIII Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou con 60 animais de 25 ganderías das catro provincias galegas. Na categoría de machos venceu un de Carmen García, de Vila de Cruces (Pontevedra), seguido dun de José Vega, de Castro de Rei (Lugo) e doutro de Carmen Jacobo, de Agolada (Pontevedra). En femias reprodutoras a vencedora foi unha porca propiedade de Lembraeco, de Palas de Reis, o segundo para un exemplar de Raquel Méndez, de O Barco (Ourense), e o terceiro para un de Óscar Santos, de Friol. En canto a recría, os premiados foron, de primeiro a terceiro, un exemplar de Diego Díaz, de Lugo; outro de Fernando López, de Mondoñedo (Lugo), e un terceiro de Víctor Piñeiro, de Cospeito (Lugo).


Respecto ao Cabalo de Pura Raza Galega, levarase a cabo o seu concurso morfolóxico o mañá, sábado, tamén no marco da feira.


 Así mesmo, tamén nesta área tivo lugar a xornada “Evento Geronimo Stakeholder 2025”, organizada pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), onde se presentou a epixenética na cría de animais e expuxéronse experiencias de criadores de razas locais a través de relatorios sobre recuperación das razas autóctonas españolas e galegas, a “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia” e tamén “Bio4trace: biotecnoloxía para a rastrexabilidade e a selección xenética en razas minoritarias españolas”.

Por outra outra banda, na primeira edición do salón de beleza e estética Intermax Beauty Show leváronse a cabo dúas conferencias, baixo o título “Autocuidado, benestar e oportunidade de negocio” e “Máis clientes, máis ingresos e un plan claro para deixar de improvisar.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page