Variada programación do CIM de Palas para conmemorar o Día Internacional da Muller
Inclúe un certame de tarxetas no que participan os centros escolares de varios concellos, unha marcha pola igualdade, unha representación teatral, obradoiros e unha exposición
Laura Moure/Palas de Rei
O Centro de Información a Muller (CIM) de Palas de Rei deu a coñecer este mércores o seu programa de actividades para conmemorar o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da
Muller. Este inclúe un certame de tarxetas no que participan os centros escolares de varios concellos, unha marcha pola igualdade, unha representación teatral, obradoiros e unha exposición.

Por un lado, haberá un certame de Tarxetas 8M Día Internacional da Muller, un concurso no que participan o alumnado matriculado nos colexios de Antas de Ulla, Palas de Rei, Guntín, Portomarín, Monterroso e Friol, sendo o tema da tarxeta a muller e o seu traballo hoxe.
Por outra banda, terá lugar a II Marcha pola Igualdade, co lema POLA IGUALDADE REAL!!!! MULLER NIN MÁIS NIN MENOS, que será o día 8 de marzo ás 10:15 horas con
saída desde a Praza do Concello ata a Praza da Ulloa, na que participará todo o alumnado do colexio e o instituto de Palas de Rei, así como o seu profesorado, e toda a xente da vila que queira formar parte da mesma. "Co que pretendemos reivindicar a igualdade legal en igualdade real e palpable e convidamos a toda a sociedade a estar unidos fronte os retos en materia de igualdade: Conciliación, Fenda Salarial, Teitos de Cristal e Violencia Machista”.
Mentres, o domingo, 13 de marzo, ás 18:00 horas, poderase ver unha representación teatral na Casa da Cultura do Concello de Palas de Rei por parte da Compañía METÁTESE TEATRO, coa obra ESCOLA DE VAQUEIRAS. Esta amosa un sorprendente universo teatral no que se combinan reflexións sobre a vida nas aldeas no presente e no pasado, sobre os conflictos familiares, a música, a loita pola igualdade de xénero, as liortas dos veciños polos marcos das fincas…., con doses elevadas de humor, retranca e ocorrencias enxeñosas.
A programación complétase cos obradoiro 8M Esmendréllate, risoterapia para mulleres, que se vai levar a cabo durante o mes de abril. Constará de seis sesións dunha hora cada unha. A través de Ioga da risa que mellora a calidade de vida e autoestima.
E por último, poderase ver Coidando a quen coida, unha exposición dixital e terapia de grupo, que será no mes de maio cunha sesión única de hora e media. Está dirixida a persoas ao cargo de xente dependente para dotar de coñecementos e os recursos necesarios para afrontar o coidado dunha persoa dependente sen comprometer a saúde física e mental propias.
É necesario inscribirse para os obradoiros nas oficinas do Concello e no CIM ou a través dos teléfonos 982 380 001 ou 982 380 003.








Comentarios