top of page
Foto del escritorLaura Moure

Uns 50 internos do centro penitenciario de Monterroso participan en talleres impartidos por Sogama

Desde 2014 a empresa pública galega fomenta entre reclusos deste penal aspectos tales como a reciclaxe, a economía circular ou a compostaxe a partir de residuos orgánicos


Laura Moure/Monterroso

Preto de medio cento de internos do Centro Penitenciario de Monterroso participan nalgún dos talleres e actividades formativas impartidos por educadores da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) en colaboración co persoal do Centro público de educación e promoción de adultos (Epapu). Durante unha visita esta mañá ao penal lucense, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, puido coñecer de primeira man o traballo que desde o ano 2014 está a desenvolver a empresa pública galega cos reclusos deste penal en aspectos tales como a reciclaxe, a economía circular ou a compostaxe a partir de residuos orgánicos.


Neste sentido, a conselleira enmarcou o traballo de Sogama en Monterroso no seu compromiso coa educación ambiental e a sensibilización da cidadanía nesta materia. Concretamente, a empresa pública achega persoal propio para impartir formación de forma presencial e, ademais, facilita os recursos didácticos e medios materiais necesarios.

Tras lembrar que Monterroso é un centro moi activo no eido das iniciativas medioambientais, Ángeles Vázquez subliñou a importancia deste tipo de actividades e os excelentes resultados que ofrecen tanto para os participantes como para garantir un mellor funcionamento do propio cárcere.


Neste sentido, referiuse á horta ecolóxica existente nas instalacións, que conta cun invernadoiro feito a partir de 3.000 botellas de plástico, ou ao proxecto impulsado para introducir a cultura da compostaxe no centro a partir do aproveitamento dos seus residuos orgánicos, ao que Sogama contribuíu con 12 composteiros, unha máquina trituradora de restos vexetais e a correspondente formación ao alumnado para ensinarlles a compostar.


Outro dos proxectos que puideron coñecer durante a visita foi Unha segunda oportunidade, actividade con fins solidarios e en liña cos obxectivos da economía circular que lle permitiu aos reclusos fabricar artesanalmente ao redor de 150 bolsas de tea a partir de pantalóns vaqueiros e batas procedentes da enfermería do propio centro

.

Algúns destes traballos, ademais, deron lugar a dúas publicacións nas que se recolle todo o proceso e o seu resultado final: A horta ecolóxica, maquetado e impreso por Sogama cunha tirada de 200 exemplares, e Sabrosa reciclaxe, un libro de receitas baseadas na cociña de aproveitamento resultado do labor de concienciación que se fixo cos internos con relación ao desperdicio alimentario.


Por último, a conselleira asegurou que a Xunta seguirá colaborando e mantendo o seu apoio aos proxectos medioambientais que se impulsen desde o penal, incidindo en que é unha forma de ofrecer “unha segunda oportunidade” aos internos que voluntariamente deciden participar, xa que facilita a súa reinserción social e laboral a través da formación, ao tempo que lles axuda a interiorizar hábitos de vida máis saudables e valores como o respecto e o coidado pola natureza.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page