A candidata nacionalista de Silleda destaca o labor dos colectivos asociativos
Ecos da Comarca/Silleda
A posta en valor do espazo público, convertindo a vila nun lugar para convivir económica, social e culturalmente, con espazos seguros, a escala humana, e a aposta pola revitalización do comercio local e dos mercados de proximidade, centraron boa parte da da intervención de Erea Rey no mitin do BNG na praza da Feira da Bandeira.
Ante un auditorio de ao redor dun cento de persoas e arroupada polo número 2 da súa candidatura, Xerardo Díaz Casal, pola actual concelleira e número 5 na lista, Tania Cornado, e polo deputado no Parlamento de Galicia, Luís Bará, Erea Rey achegou toda unha batería de proposta para “acadar unha Bandeira chea de vida”.
A candidata tivo tamén palabras para todos os colectivos asociativos “que son mostra do forte compromiso coa cultura que tedes nesta vila, persoas que ao fin e ao cabo de forma altruísta vos unides por un ben común enchendo de cultura, música e vida as rúas”. Neste eido, puxo como exemplo algunhas das citas que fan da Bandeira un referente cultural e que nacen do esforzo colectivo como son a Festa da Empanada, o Murallón de Son, o Alto dos Xenerais e o Entroido, o labor da banda de música e dos grupos de baile tradicional, e
mesmo o fútbol.
“Queremos” asegurou a candidata nacionalista “que estes colectivos teñan espazos para desenvolver as súas actividades e que teñan apoio institucional; para que desta forma se xeren outros recursos na vila que repercutan na cidadanía; convertendo a empanada nun produto representativo da Bandeira, apostando polas feiras do 14 e do 29, e creando novos mercados temáticos, novos puntos de encontro sociais e culturais, apostando tamén polo deporte de base, pola cultura de base”.
Por último, Erea Rey tamén achegou unha proposta relativa ao patrimonio cultural e natural do concello. Neste sentido indicou que “contamos con dous dos mellores enclaves naturais que máis xente atrae, as Fervenzas do Toxa e o Mosteiro de Carboeiro, pero mentres o mantemento o pagamos entre todos, toda a repercusión económica que resulta do turismo remata noutro concello. Para isto hai que poñer en marcha un roteiro que teña Bandeira como punto clave de saída e retorno. Para que os comerciantes e hosteleiros poidan ver recompensado o seu esforzo”.
A vindeira cita coa veciñanza, terá lugar na vila de Silleda o sábado día 20 ás 20:30 horas na praza da Feria Vella, onde Erea Rey e Xerardo Díaz Casal estarán acompañados pola deputada no Parlamento de Galicia, Alexandra Fernández. Ao igual que no encontro de onte na Bandeira, o músico Iago do grupo Marela será o encargado de poñer a nota musical.
Vídeo
“É o momento de sumar. É o momento de sumar para unha Galiza diferente e mellor. Escoita os motivos de Erea”, así presenta o Bloque Nacionalista Galego un dos vídeos de campaña que difunde a nivel nacional e que precisamente protagoniza Erea Rey, como exemplo de persoa moza comprometida co seu Concello e que dá un paso adiante na política activa.
“Creo que somos unha xeración que necesita dar un paso adiante e defenderse por si mesma, nós temos que coller as rendas se de verdade queremos un cambio,” a candidata nacionalista de Silleda nun dos momentos do vídeo.
Comments