Unha veciña de Rodeiro lamenta "que non haxa camas" para poder operar ao seu marido
- Laura Moure

- 5 jul 2022
- 2 Min. de lectura
"Sentimos rabia, impotencia, porque el atópase mal e está sumido nunha depresión, e isto é moi duro", sinala
Laura Moure/Rodeiro
Os recortes en Sanidade é algo que padecemos todos en maior ou menor medida. Os profesionais sanitarios fan unha labor incrible, pero atópanse saturados e máis durante a época estival onde poucas veces se cubren as vacacións. Eles son uns dos grandes damnificados dos recortes, pero sen dúbida, os peores parados son os pacientes. Hoxe falamos dun caso en concreto: a dun matrimonio da parroquia rodeirense de Arnego. El ten 58 anos e leva dous, loitando cunha patoloxía, e agora está esperando como auga de maio poder entrar en quirófano, pero... non hai camas.

"Hai dous anos tivo varices esofágicas e debido a isto tivéronlle que poñer un tips no fígado para que lle circulase a sangue e non volver telas. Ata aí todo ben. Pero fai hoxe un ano que ingresou para comprobar que o tips estivese ben e todo perfecto. Pero a partir do 5 de abril empezoulle a doer a barriga, debaixo do ombligo. Fomos o día 9 ao ambulatorio e dixéronlle que eran gases e o día10 por Urgencias e tamén nos trasladaron o mesmo. Fixéronlle unha radiografía e unha analítica polos seus antecendentes, pero volveu para a casa estando mal igual. O día 13 volvimos ao médico de cabeceira e deunos un enema", explica a súa esposa.
Sen embargo, este veciño de Rodeiro continuaba mal, polo que decidiu acudir de novo por Urxencias ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) o 1 de maio. "E claro que non era gases, era líquido acumulado que estaba provocando que case non lle funcionanse nada". Debido a isto tivo que estar ingresado 11 días.
Despois comunicáronlle que o día 28 de xuño se tiña que operar, pero ese mesmo día chamáronlle de que non podía ser debido a que había unha avería no quirófano, pero que en breve o chamarían. Dous días despois tiñan dúas consultas no centro hospitalario e os especialistas xa lle indicaron, que lamentablemente "non había camas", polo que eles mesmos "nos aconsellaron poñer unha reclamación". Isto é algo que está acontecendo cada día. "Sentimos rabia, impotencia, porque o meu marido atópase mal, está sumido nunha depresión, e isto é moi duro", lamenta ela.
Eles prefiren manterse no anonimato, pero pretenden con esta testemuña ser a voz de moitas outras persoas, porque por desgraza isto non é o caso illado e acontence nos diferentes centros sanitarios. E tamén queren reiterar a gran labor dos profesionais, que dan o mellor de si, e moitas das veces con poucos recursos e soportando enormes recortes. Sen ir máis lonxe, o pasado venres no CHUS tivo lugar unha concentración para mellorar os dereitos dos profesionais e polo tanto dos pacientes. Como dicía o cartel: "sobran os motivos" para facer esta mobilización.
Nós só lanzamos unha reflexión: "A saúde non o é todo, pero sen ela todo o demais é nada".







Comentarios