Ecos da Comarca/Xeral
Un dos alertadores ao 112 Galicia dixo que un dos vehículos implicados ía en dirección contraria.
O choque frontal entre a furgoneta e o camión produciuse na AG-53, no punto quilométrico 63, ao paso polo concello ourensán de Piñor. Como consecuencia do impacto, a condutora da furgoneta e única ocupante do vehículo faleceu, mentres que o camioneiro resultou ileso.
Así o confirmaron os equipos de emerxencias e sanitarios, que se desprazaron ao lugar tras recibir a alerta no 112 Galicia arredor das 23:30 horas de onte.
Publicidade
As chamadas de varias persoas ao número único de emerxencias posibilitaron a posta en marcha dun operativo de rescate e atención aos feridos. De feito, acudiron os Bombeiros do Carballiño, xa que a vítima estaba, ademais, atrapada no interior da furgoneta, e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que só puideron confirmar o falecemento.
Tamén contaron coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil da vila e interviñeron os axentes da Garda Civil de Tráfico co fin de reunir todos os datos do sinistro.
Por último, foi necesario efectuar a limpeza da vía para retirar os danos e restablecer as condicións de seguridade. Por iso, foron informados os equipos da Axencia Galega de Infraestruturas.
Comments