Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Un veciño de Melide, enfrontado a un desafiuzamento, acusa ao Concello de non tramitarlle a Risga

A concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, afirma que "isto non é certo e non se axusta á realidade"


Laura Moure/Melide

Carlos Serrano, natural de Monterroso, pero que leva preto de dúas décadas vivindo en Melide, conta o difícil que foi para el o ano 2020. "Tiven que enfrontarme a un desafiuzamento xudicial, a sobrevivir gracias á beneficencia, todo isto en plena pandemia, cando tampouco podía saír a buscar traballo". Agradece a toda á xente que lle tendeu a man e critica a algúns políticos. "Moitos políticos venden como "solidaridade" ou "emerxencia social" e despois, cando te atopas, como foi no meu caso, nunha situación moi complicada, a administración que debería estar máis próxima ao cidadán, a local, deume a espalda", asegura. Concretamente, acusa ao Concello de Melide de non tramitarlle unha Risga. Pola súa banda, a concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, afirma que "isto non é certo e non se axusta á realidade, pero non queremos pronunciarnos sobre este tema porque é mentira".

Carlos Serrano

Serrano quere publicar a súa historia para "recoñecer a axuda de todas aquelas persoas que me axudaron a saír desta situación porque só gracias a súa paciencia, confianza e axuda de outras administracións, como o goberno galego, puiden remontar a pesar das circunstacias".


Carta íntegra enviada por Carlos Serrano na que explica a súa historia Quero contar a miña historia, que vivín nas miñas propias carnes durante o ano 2020, un ano que será lembrado como un “ano horribilis” para moitos e moitas de nós e que para min foron uns meses duros, pero en todo caso, nada que ver con quen perdeu un ser querido, un amigo, un coñecido nesta terrible pandemia mundial. Atrévome a contar o meu periplo porque creo que será un punto de inflexión e axuda para todos ou todas aquelas que puidesen compartir a miña impotencia, así como denunciar a insolidariedade dalgunhas administracións públicas, que, a pesar de abanderar consígnaa da emerxencia social, lamentablemente, é tan só iso, a axuda social local quedouse nunha consigna que non vai máis aló do márketing político. Podo afirmalo, porque o vivín.


Empezo, como é obvio, polo principio, para contextualizar a miña historia. Debido a un accidente laboral que coincide coa finalización do meu contrato de traballo, permanezo desempregado desde finais de decembro do ano 2019. A partir de aí e vista a miña situación económica que nunca foi moi boiante, acudo aos Servizos Sociais do meu concello, Melide, co fin de preguntar se podo ser beneficiario dalgunha axuda social vista a miña situación física a causa do accidente. Despois dunha consulta neste departamento, e xa en xaneiro, entrego a documentación que se me reclama para solicitar unha axuda autonómica, a RISGA (Renda de Integración Social) que concede a Xunta de Galicia e tramitan os concellos. Todos sabemos cal foi o devir da pandemia a partir dos meses de febreiro-marzo e o que veu despois, o confinamento total e a desolación das mortes diarias en todo o mundo, tamén no noso país, tamén en Galicia e no noso pobo. Sen opcións de buscar traballo e en pleno confinamento cuns recursos mensuais xa moi decimados (tres meses sen recibir ningún ingreso), decido en marzo, dirixirme de novo aos Servizos Sociais do Concello para preguntar se se tramitou a RISGA e cando se prevé a súa concesión, xa que ao ser coñecedor do cumprimento dos requisitos, cada mes que pasaba, resultaba máis duro facer fronte ás facturas (alugueiro, auga, luz, calefacción, gas, comida, teléfono) sen ningún ingreso extra.


Non se me dá ningunha resposta clara, aínda así, decido esperar. Confiado en sistema e na tramitación das axudas, e comprendendo a situación de emerxencia que estabamos a vivir, as complicacións do teletraballo, espero ata xuño, non sen antes comentarlle aos Servizos Sociais a miña crítica situación: vinme obrigado a non pagar o alugueiro para poder comer. Seis meses despois de entregar os papeis da RISGA, seis meses sen ingresar nin un só euro, de incumprir o contrato de alugueiro coa miña caseira, de acudir á parroquia en busca de alimentos decido chamar á fonte: a Consellería de Política Social demarcación Coruña para preguntar polo meu expediente. Nunca o facía antes, nin se me ocorreu, pero a desesperación era tanta, que utilizando as redes sociais da Xunta eles mesmos dirixíronme ao departamento que debería resolver o meu caso.


A sorpresa maiúscula foi que seis meses despois non había ningunha axuda tramitada ao meu nome. Farto de longas, angustiado polas débedas, por como ía resolver a situación, decido comentarlle o meu caso e a falta de tramitación das axudas aos responsables municipais: alcalde, tenente alcalde e concelleira de Servizos Sociais, responsables directos do caso, sen atopar aquí tampouco ningunha axuda. Calquera persoa que se dedica ao servizo público ha de saber que ten que ter unha especial sensibilidade cos outros que están do outro lado da mesa, cos outros que depositaron a súa confianza neles para contarlles os seus problemas, co fin de que unha man pública poida rescatalos da queima. Ben, o que atopei en non un, senón en tres responsables directos do goberno municipal, foi insolidariedade, falta de empatía e por suposto, ningunha intención de axudarme.


Despois decateime que publicitaron aos catro ventos a doazón das súas asignacións políticas dos seus partidos á emerxencia social municipal, mellor iría se asegurasen que os servizos municipais funcionasen, e no canto de tanta publicidade, utilizasen a cabeza para axudar aos demais. Se as súas intencións fosen máis aló de facer un xesto publicitario, porqué non procederon a comprobar a miña situación e tramitar eles mesmos axudas ao alugueiro, subsistencia, alimentos? Eu non fora concesionario de RISGA, seis meses despois, porque os expedientes, do seu Concello, non foran tramitados. Foi máis fácil darme largar e obviar o problema. Teño que dar grazas á arrendataria do inmoble, que foi paciente, e á que, grazas ás axudas anti-desafiuzamento da Xunta de Galicia, das que despois outras persoas alleas ao Concello se me informaron, conseguín resarcir a miña débeda e pagarlle todos e cada un dos atrasos dun ano de alugueiro á dona e poñerme ao día.


Se non contase coa súa paciencia e a súa confianza en min co compromiso que fose dunha maneira ou outra lle pagaría, faría meses que estaría a vivir na rúa. Desde o pasado agosto e grazas a outros recursos que queren permanecer no anonimato, estiven inmerso nun mar de burocracia, nun procedemento xudicial para evitar o desafiuzamento, así como esixín os meus dereitos como cidadán, copia de cada documento que entregaba con data e hora para controlar os procesos de solicitudes de axuda. É moi duro non atopar traballo, non ter unha rede familiar na que apoiarche, en definitiva, atoparche perdido, só, ter que pedir axuda alí onde supostamente han de provercha e atoparche coa porta pechada. Grazas á Xunta de Galicia, Cáritas parroquial e persoalmente o párroco melidaos, así como á tarxeta moedeiro puiden sobrevivir, empezar a respirar e saír do foxo no que estaba metido. Só lles desexo aos responsables municipais actuais que nunca teñan que pasar por algo similar e alguén lles trate da mesma forma que eles me trataron. Non é un bo exemplo, foi unha situación da que deberían arrepentirse publicamente.


Carlos Serrano, veciño de Melide

2,721 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE